Contará con actividades de atletismo e tamén con concursos, xogos acuáticos, rutas...
Laura Moure/Deza
O Club Escola Atletismo Deza abre o prazo de inscrición para o Campus de Verán, que será do 26 de xuño ao 28 de xullo. Poden asistir todos os/as cativos/as nados entre o 2011 e o 217 e a reserva farase por semanas (pódense reservar máis de 1 semana). Haberá actividades vinculadas ao atletismo e tamén concursos, manualidades, rutas, xogos acuáticos etc.
O custo da actividade é de 35 €/semana para as persoas que forman parte do Club e de 40 €/semana para as que non. No caso de reservar unha única semana, o prezo incrementarase 5 euros. O horario será de 8:00 a 14:00 horas, por facilidades para as familias, e a actividade como tal será de 10:00 a 13:30 horas. E o Campus desenvolverase entre o Lalín Arena e o Manuel Anxo Cortizo.
Para facer as reservas e obter máis información pódense poñer en contacto a través do correo electrónico atletismo.deza@gmail.com ou con Nacho Castro, coordinador do Campus (623 189 677).
Participación en probas
Este sábado e domingo tivo lugar o Campionato Galego de Probas Combinadas por Clubes Absoluto, onde as mellores atletas de combinadas competiron cos seus clubes para a clasificación. Por parte do Atletismo Deza competiu Marta Lázara co Atlética A Silva. Fixo unha grande actuación, acadando a mellor marca persoal en heptatlon, sumando máis de 3.300 puntos, quedándose a só 3 puntos da mínima B para o campionato de España de probas combinadas Sub 18. Ademais, quedou segunda clasificada na categoría Sub 18. En parte, grazas ao seu debut, Atlética A Silva acadou a prata no Campionato.

Por outra banda, os deportistas Mario Félez, Nacho Castro e Rosa Vidal participaron na Carreira Nocturna que tivo lugar o sábado á noite pola zona vella Santiago. Era unha proba homologada na que os atletas do Club se mostraron satisfeitos polos resultados obtidos.
Comments