top of page

O CIS de Lalín ofrecerá cardioloxía, rehabilitación cardíaca e cirurxía ambulatoria co fin de ir ampliando máis servizos

Foi inagurado onte e Rueda sinala que "evitará desprazamentos e unificará servizos de saúde para máis de 35.000 veciños da comarca de Deza"


Laura Moure/Lalín

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo este xoves ao novo Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín e Comarca de Deza como exemplo do compromiso do Goberno galego por achegar os servizos sanitarios á cidadanía e garantir unha sanidade pública de calidade, máis próxima, resolutiva e á vangarda dos tempos. Así o destacou durante a inauguración desta nova infraestrutura, a cal entrará en servizo o próximo luns, 14 de outubro, dando cobertura aos veciños e veciñas de Lalín, Agolada, Rodeiro e Dozón e blindando asistencias especializadas aos municipios de Silleda e Vila de Cruces. En total, máis de 35.000 habitantes desta comarca evitarán desprazamentos ao incorporar novos servizos hospitalarios.

A nova infraestrutura sanitaria permite unificar nun mesmo edificio o centro de saúde e o Punto de Atención Continuada (PAC) e os servizos de emerxencia do 061. Rueda indicou que este CIS non é só un edificio moderno, amplo, accesible e ben equipado, senón un espazo que reflicte o esforzo da Xunta por mellorar a calidade de vida de todos os galegos e galegas independentemente do lugar no que vivan. Así mesmo, salientou que este novo espazo foi construído tamén pensando nas mellores condicións para os profesionais sanitarios que leven a cabo o seu labor nel.


O presidente tamén quixo agradecer a colaboración exemplar do Concello de Lalín, cuxo apoio foi fundamental para facer realidade esta infraestrutura tan demandada. Neste sentido, o proxecto contou cun investimento de máis de 13,5 millóns de euros por parte da Xunta para a obra e o equipamento, aos que se suman os 500.000 euros que achegou o Concello para a urbanización da parcela de máis de 5.700 m² no Alto de Vales.


O novo CIS de Lalín e Comarca de Deza conta con 4 andares, dos cales 3 están destinados ao centro de saúde e outro ao Punto de Atención Continuada (PAC). Ademais, alberga a base do 061 e dispón dunha helisuperficie para os helicópteros de emerxencias.

A execución do Centro Integral de Lalín e Comarca do Deza contou co financiamento de Fondos Europeos do programa operativo FEDER.


Novos servizos

Ademais dos servizos clásicos de atención primaria xa dispoñibles, o novo complexo permitirá ampliar o programa de cirurxía menor ambulatoria e ofrecer novos servizos hospitalarios como cardioloxía e rehabilitación cardíaca, co obxectivo de seguir ampliando a carteira de servizos progresivamente para permitir unha maior resolución e evitar desprazamentos a Santiago de Compostela. De forma inmediata prestaranse servizos de atención hospitalaria como oftalmoloxía, xinecoloxía, cardioloxía, saúde mental, traumatoloxía e rehabilitación, ou hospitalización a domicilio.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Rueda subliñou que este CIS é o segundo en poñerse en marcha en Galicia, tras o de Lugo, e lembrou que xa están en marcha as obras doutro centro similar en Vigo, o Olimpia Valencia. Este modelo pioneiro de centros integrais de saúde busca fortalecer a atención primaria, facilitar a coordinación coa atención hospitalaria e mellorar a integración tecnolóxica.


Protesta contra Altri

Durante a inauguración tamén se levou a cabo unha protesta para evitar que Altri se instale na Ulloa.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page