Terá lugar o 25 xuño no Edificio Polivalente Manuel Rivero e centrarase nas principais causas e secuelas do dano cerebral, co que conviven máis de 35.000 persoas en Galicia
Laura Moure/Lalín
O ciclo de actividades ‘Actívate polo dano cerebral adquirido’, organizado por FEGADACE en colaboración co Concello de Lalín, arranca o martes 25 de xuño cunha charla de sensibilización sobre o dano cerebral adquirido, unha discapacidade resultante, na maioría dos casos, dun ictus ou dun traumatismo cranioencefálico derivado dun accidente de tráfico.

A sesión informativa, organizada xunto coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns e a
asociación Sarela, terá lugar ás 16:30 horas no salón de actos do Edificio Polivalente Manuel Rivero (Rúa Manuel Rivero, 1). A actividade centrarase na abordaxe das principais causas do dano cerebral, das diversas secuelas asociadas a esta súbita lesión e dos recursos de atención dispoñibles para o colectivo. Está dirixida a todo tipo de público, con especial foco en persoas de máis de 65, dado que a idade é un factor de risco.
Debido ao envellecemento da poboación e aos cambios nos hábitos de vida (especialmente o empeoramento da alimentación e o sedentarismo), a súa incidencia incrementouse notablemente nos últimos anos, sobre todo debido ao aumento do número de casos de ictus.
Publicidade
Malia que estes non se poden evitar, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), o 90% dos casos están asociados con factores de risco modificables (como a hipertensión arterial, o colesterol, a diabetes, a obesidade, o sedentarismo, o consumo de alcol, tabaco e outras drogas e o estrés, entre outros). Por este motivo, unhas das principais liñas de actuación de FEGADACE céntrase na realización de actividades de divulgación, capacitación e promoción de hábitos de vida saudables para a prevención do dano cerebral.
A asistencia á charla é de balde, pero é preciso inscribirse previamente no presente formulario , no teléfono 689 083 144 ou presencialmente na área de Servizos Sociais do
Concello de Lalín.
Publicidade
Presentación da ‘Guía legal para persoas con dano cerebral adquirido’
A axenda do ciclo de actividades continúa o venres 28 de xuño coa presentación da publicación ‘Guía legal para persoas con dano cerebral adquirido. Aproximación á Lei 8/2021 e a outras normativas de interese para o colectivo’. Este documento, elaborado co fin de servir como ferramenta de consulta, xorde como resposta ao cambio de paradigma que implica a Lei 8/2021, de 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica.
Esta modificación supuxo un inxente volume de cambios, entre os que destaca a superación do sistema de modificacións de capacidade ou incapacitacións, como se coñecían popularmente, para pasar a un sistema de apoios.
Para presentar e explicar esta e outras mudanzas, como as relativas ao baremo de
discapacidade, patrimonio e herdanzas ou instrucións previas no ámbito médico, a sesión será impartida polo autor da Guía, o avogado e responsable do servizo de asesoramento legal da Federación Miguel Vieito, e a traballadora social de FEGADACE, Carla Miranda.
Publicidade
A sesión está dirixida a familias, persoas con dano cerebral adquirido e profesionais do ámbito dos servizos sociais. A asistencia é de balde, pero é preciso inscribirse previamente no presente formulario , no teléfono 689 083 144 ou presencialmente na área de Servizos Sociais do Concello de Lalín.
A edición da Guía está financiada polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, a través da súa inclusión no Proxecto Rumbo. Ademais, a celebración do ciclo ‘Actívate polo dano cerebral adquirido’ conta con financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda.
NOTICIA RELACIONADA:
FEGADACE e o Concello de Lalín organizan o ciclo ‘Actívate polo dano cerebral adquirido’: https://www.ecosdacomarca.com/post/fegadace-e-o-concello-de-lal%C3%ADn-organizan-o-ciclo-act%C3%ADvate-polo-dano-cerebral-adquirido
Comments