É un 25% máis con respecto ao mesmo período de 2022
Laura Moure/Deza
O Centro de Información á Muller (CIM) de Lalín atendeu no que vai de ano (desde xaneiro de 2023 ata a data actual) un total de 427 consultas, un 25% máis en relación ao mesmo período do 2022 (317 consultas). Así o explica a concelleira de Igualdade, Carmen Canda, que remarca que “das 427, 154 foron consultas relacionadas coa atención ás vítimas de violencia de xénero; en 121 casos ofreceuse asesoramento xurídico; en 98 prestouse atención psicolóxica e 54 consultas estiveron relacionadas con información de recursos e outras circunstancias”.
Canda sinala que “tamén no marco das funcións do CIM realizáronse diferentes actividades como a tramitación da subvención por importe de 10.000 € para actividades a realizar por parte das Asociacións de Mulleres de Lalín; a convocatoria da Mesa Local de Coordinación fronte á Violencia de Xénero que tivo lugar o 16 de marzo na que participaron diferentes profesionais implicados na atención ás vítimas da Policía Local, Xulgado, Garda Civil e Subdelegación do Goberno; a organización de actividades conmemorativas en relación ao 8M e ao 25N a través do departamento de Igualdade e diferentes accións ofertadas por parte da Secretaría Xeral de Igualdade dirixidas á rede de entidades locais contra a violencia de xénero no marco do acordo de colaboración asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias”.
Coordinación con Cruz Roja e Garda Civil
A responsable municipal pon en valor que “o CIM tamén está adscrito mediante convenio de colaboración ao servizo ATENPRO (atención e protección para vítimas de violencia de xénero) da Cruz Roja Española e desde o así desde o CIM tramítanse as solicitudes para a teleasistencia, ademais de manter colaboración e coordinación constante co punto habilitado no posto da Garda Civil de seguimento de casos de violencia de xénero”. De igual modo, precisa “tamén atende a tramitacións dos recursos dirixidos especificamente a vítimas de violencia de xénero como a prestacións periódicas tales como o bono alugueiro social ou á derivación á Rede Galega de Acollemento, entre outras”.
O CIM é un servizo municipal activo desde agosto de 2002 e conveniado na prestación de servizos cos concellos de Agolada e Rodeiro desde o 2014. A súa función principal é ofrecer de xeito permanente os recursos desde o que se artella unha intervención global dirixida ás mulleres que proporciona asesoramento xurídico, atención psicolóxica, prioridade na intervención e atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero e información sobre os recursos dispoñibles na Comunidade Autónoma.
Comentarios