O centro de COGAMI en Medelo colabora co Festival 17º Ribeira Sacra no deseño do seu merchandising
- Laura Moure
- 26 jul 2024
- 2 Min. de lectura
Por segundo ano consecutivo persoas usuarias do centro elaboran os produtos e creacións co que o Festival reafirma a súa mensaxe social e inclusiva
Laura Moure/Silleda
As persoas usuarias do centro que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten en Medelo son as protagonistas dunha colaboración que manteñen co Festival 17º Ribeira Sacra na que, a través do seu traballo, cada unha delas demostra as súas capacidades para desenvolverse. A iniciativa convértese nunha aposta firme do Festival 17º Ribeira Sacra por favorecer a inclusión.

Por unha banda, ao elixir o centro de recursos de Medelo para a elaboración dos produtos que van ser expostos á venda durante a súa celebración nesta fin de semana, e por outra, na propia organización do festival, deseñado para a participación e asistencia de todas as persoas. Contará con zonas de estacionamento habilitadas, sinalización accesible, aseos e barras adaptadas, ademais de contar con mochilas vibratorias, para que todas as persoas poidan asistir e gozar da experiencia.
Os produtos deseñados polo centro de Medelo foron elaborados nos obradoiros de cestería, coiro, tecidos e pintura. En palabras do director do centro, Iván García, “despois de moito traballo e esforzo conseguimos crear unha serie de produtos que representan os valores do festival e poñen de manifesto as grandes capacidades que poden chegar a ter as persoas con discapacidade sempre que se lles de a oportunidade e se lles trate de forma igualitaria”.
Publicidade
Ademais de participar activamente no deseño destes produtos, Medelo está convidado a asistir ao festival. “O fin social está no noso ADN como festival, traballamos para que todas as persoas poidan participar, contribuír e gozar dos festivais que organizamos. A cultura, a
música e, polo tanto, os procesos creativos deben ser inclusivos”, explica Carlos Montilla,
director de I-Radia Crea e do Festival 17º Ribeira Sacra.
Esta colaboración xorde para dar continuidade á conexión iniciada fai dous anos entre I-Radia Crea e COGAMI, cando desenvolveron un plan de Accesibilidade deseñado por I-Radia e que se executou durante a celebración da edición do 2022 do Festival nos concellos de Chantada, Sober e Monforte de Lemos.
Comentarios