Persoas usuarias do centro elaboran os produtos e creacións co que o Festival reafirma a
súa mensaxe social e inclusiva
Laura Moure/Silleda
As persoas usuarias do centro que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten en Medelo, Silleda, son as protagonistas dunha colaboración que manteñen co Festival 17º Ribeira Sacra na que, a través do seu traballo, cada unha delas demostra que non existen límites nin barreiras cando se aposta pola inclusión da discapacidade.
A iniciativa convértese nunha aposta firme do Festival 17º Ribeira Sacra por favorecer a
inclusión, tanto ao elixir o centro de recursos de Medelo no deseño e elaboración dos
produtos que van ser expostos á venda durante a súa celebración nesta fin de semana,
como tamén, na propia organización do festival que está deseñado para a participación e
asistencia de todas as persoas, ao ser accesible.
Publicidade
Os produtos foron elaborados nos obradoiros de cestería, coiro, tecidos e pintura que
desenvolve o centro de Medelo. En palabras do director do centro, Iván García, “despois de moito traballo e esforzo conseguimos crear unha serie de produtos que representan os
valores do festival e poñen de manifesto as grandes capacidades que poden chegar a ter as persoas con discapacidade sempre que se lles de a oportunidade e se lles trate de forma igualitaria”.
Ademais de participar activamente no deseño destes produtos, Medelo está convidado a
asistir ao festival. “O fin social está no noso ADN como festival, traballamos para que todas
as persoas poidan participar, contribuír e gozar dos festivais que organizamos. A cultura, a
música e, polo tanto, os procesos creativos deben ser inclusivos”, explica Carlos Montilla,
director de I-Radia Crea e do Festival 17º Ribeira Sacra.
Esta colaboración xorde para dar continuidade á conexión iniciada durante o ano pasado
entre I-Radia Crea e COGAMI, cando desenvolveron un plan de Accesibilidade deseñado
por I-Radia e que se executou durante a celebración da pasada edición do Festival nos concellos de Chantada, Sober e Monforte de Lemos.
留言