O CEIP Plurilingüe de Monterroso e o Varela Buxán de Lalín únense ó Plan de mellora de bibliotecas escolares
- Laura Moure

- 6 oct 2025
- 2 min de lectura
Galicia é un referente estatal neste eido, como a comunidade con máis espazos deste tipo en funcionamento, en case a totalidade de colexios e institutos
Laura Moure/Monterroso/Lalín
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou a pasada semana o Colexio Apóstolo Santiago, en Santiago de Compostela, un dos centros participantes no Plan de mellora de bibliotecas escolares. Precisamente, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP publicapu o pasado xoves a resolución deste programa, que supera este curso por primeira vez os 900 centros participantes coa incorporación de 26 novos. En concreto, forman parte desta rede 830 centros públicos e 73 concertados.

A representante da Xunta destacou a importancia deste plan para a dotación das bibliotecas escolares de todo tipo de recursos para estimular o hábito lector e fomentar estes espazos como o corazón dos centros, nos que é posible traballar todas as competencias do currículo educativo desde diferentes perspectivas.
“Grazas a este programa, Galicia é hoxe un referente estatal neste eido. De feito, segundo as últimas estatísticas do Ministerio, somos a comunidade con máis bibliotecas escolares en funcionamento, no 98,2% dos colexios e institutos, o que supón case 16 puntos máis ca media estatal, de 82,5%”, salientou a directora xeral.
PUBLICIDADE

Neste sentido, lembrou que a competencia lectora é unha das prioridades da Xunta. Non en balde, este curso implántase nos centros un tempo diario para o fomento da lectura en Educación Primaria, de entre 20 e 30 minutos. A súa posta en marcha é un dos eixos de actuación do programa de reforzo da lectura incluído no Plan MEGA de mellora educativa de Galicia impulsado pola Xunta e que ten como finalidade reforzala entres os estudantes e fomentar o pensamento crítico e a reflexión entre eles.
Estratexia integral
O Plan de mellora de bibliotecas escolares é o programa principal do Plan Lía (Lectura, Información e Aprendizaxe), a folla de ruta da Xunta para o fomento de diferentes actividades nestes espazos. Ao seu abeiro, os centros reciben financiamento estable para fondos, para renovar mobiliario e outros equipamentos ou para gastos de funcionamento das bibliotecas. Ademais, os participantes poderán recibir formación específica, así como asesoramento a través do servizo de bibliotecas escolares da Consellería. O programa conta este curso cun orzamento de 1,5M€.
PUBLICIDADE
Os centros de nova incorporación das comarcas son: o CEIP Plurilingüe de Monterroso e o CEIP Plurilingüe Varela Buxán.
Poden consultarse todos no seguinte enlace:







Comentarios