top of page
Foto del escritorLaura Moure

O CEIP de Antas súmase ao programa 'Educación responsable' que chegará a 102 centros educativos

A iniciativa desenvólvese en colaboración coa Fundación Botín e estará enfocado ao benestar emocional


Laura Moure/Antas de Ulla

A Xunta de Galicia vén de publicar a resolución definitiva do programa Educación Responsable para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, pola cal no curso 2023/2024 o programa chegará a 102 centros educativos, un 17% máis ca no ano académico que vén de rematar. Este ano das comarcas súmase o CEIP Plurilingüe de Antas de Ulla.


O obxectivo da iniciativa, que se realiza en colaboración coa Fundación Botín, é favorecer o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, promover a comunicación e mellorar a convivencia nos centros docentes a partir do traballo co profesorado, co alumnado e coas familias.

O programa funciona a través dunha rede galega da que, segundo a estimación, formarán parte o vindeiro curso 6.895 alumnos e 438 docentes. Todos eles reciben formación, recursos educativos e seguimento por parte da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Fundación Botín.


A iniciativa está recollida na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, dentro da liña cinco, centrada no benestar emocional do alumnado. Nela, búscase a participación e o compromiso de toda a comunidade educativa para acadar unha formación plena do alumnado incidindo na importancia da educación emocional no seu desenvolvemento persoal e académico. Ademais de en Galicia, desenvólvese tamén en Aragón, Cantabria, Castela e León, Comunidade Valenciana, Madrid, Murcia, Navarra, Murcia e A Rioxa, así como no estranxeiro, en Chile, México e Uruguai.


Publicidade

Tres cursos

A participación no programa esténdese ao longo de tres cursos escolares, nos cales, a maiores de levar ás aulas as actividades e materiais dos que dispón o programa, os centros contan con asesoramento vencellado ao Plan de Formación Permanente do Profesorado, así como financiamento para desenvolver o programa a través da solicitude dos Contratos-Programa Inclúe.


Por cursos, o obxectivo do primeiro ano de pertenza ao programa, denominado fase inicial e de crecemento, é que o equipo de Educación Responsable de cada centro participante coñeza as ferramentas didácticas propias da educación emocional e aplique as actividades do programa.


Na segunda fase, de expansión, o centro participante asume este programa como unha liña prioritaria dentro do seu proxecto educativo. Con este obxectivo, as persoas encargadas dos recursos do programa forman ao resto dos docentes, programando e aplicando as actividades de forma colaborativa e estendendo o programa a un maior número de alumnado.

A fase de consolidación ten como obxectivo que o centro docente utilice de forma autónoma as metodoloxías, técnicas e actividades e sexa quen de elaborar outras novas, incluíndo obxectivos propios do crecemento emocional, social e creativo do alumnado. Para iso, é necesario que a maioría dos docentes do centro incorporen nas súas programacións de aula actividades de Educación Responsable e que se aplique a totalidade dos recursos do programa coa maior parte do alumnado.


A relación dos 15 centros seleccionados para incorporarse o vindeiro curso pode consultarse no seguinte enlace: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/81374/programa-educacion-responsable-llegara-102-centros-proximo-curso-enfocado-bienestar?langId=gl_ES

0 comentarios

Commenti


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page