top of page

O catalán Pedro Clos visitou onte a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA de Silleda

23 abr 2025
3 min de lectura

Actualizado: 24 abr 2025

Este gandeiro, xa xubilado, foi o primeiro en comprar gando nesta poxa cando esta se puxo en marcha a principios dos anos 80 e ningún operador apostaba por ela


Laura Moure/Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA de Silleda contou este martes cunha visita moi significativa, a do gandeiro catalán Pedro Clos. Este gandeiro xa xubilado foi o primeiro en comprar ganado na poxa deste mercado cando esta se puxo en marcha a principios dos anos 80 e ningún operador apostaba pola poxa da, naquel entón, Lonxa Agropecuaria de Galicia. Comezou así, fai máis de corenta anos, a comprar becerros – non foi ata máis tarde cando tamén se introduciu o vacún maior – que levaba a Cataluña. O seu apoio foi esencial no arranque e posteriormente continuidade do mercado silledense.

Durante boa parte da mañá de onte Clos percorreu as instalacións da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA para coñecer as súas infraestruturas, instalacións e funcionamento na actualidade, no que destaca o seu proceso informatizado.


Na súa visita á Central este gandeiro catalán estivo acompañado por distintos representantes da Xunta de Galicia, tales como o xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo; o xefe de servizo de Gandería en Pontevedra, Víctor Muñoz, e a xefa de servizo de Explotacións Agrarias en Pontevedra, Julia Pérez. Ademais, tamén contou coa compañía do expresidente da Fundación Semana Verde de Galicia, José Maril, quen fixo posible esta visita de Pedro Clos, e o actual director desta entidade feiral, Ricardo Durán.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.


A Central, un referente

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA constitúe hoxe en día un referente no ámbito agropecuario por contar desde o ano 1994 coa única poxa de vacún informatizada de España, a cal exclúe ao intermediario, outorga transparencia a un sistema no que se evita o regateo e optimiza os prezos.


Trátase dun mercado pioneiro que ademais non deixa de modernizarse. Así, en 2021 introduciu un sistema para comunicar a través do móbil aos usuarios os resultados de cada poxa en tempo real, co cal estes non teñen que acudir ao recinto para aceptar ou rexeitar as poxas. Ese mesmo ano estableceuse a opción de que os compradores puidesen poxar desde o móbil a través dunha aplicación propia da Central, sen necesidade de utilizar tiras de papel.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Agora, en 2025, a Central da un paso máis nestes dous servizos. Por unha banda, estívose traballando na aplicación propia da Central para unificar nela tanto a realización das poxas por parte dos compradores como a recepción de resultados e a aceptación ou rexeitamento dos mesmos por parte dos vendedores. Unha unificación que xa está en probas e que están a utilizar algúns usuarios.


Por outra banda, iniciouse un proceso para que a dixitalización na introdución de poxas a través do móbil que xa está operativa, sexa completa, polo cal se eliminarán as tiras en papel para levalo a cabo unicamente a través da aplicación da Central. Unha dixitalización que, novamente, busca modernizar e mellorar as operacións dos usuarios do mercado: os compradores sempre terán accesible a súa poxa no móbil, poderán facer o sumatorio da cantidade de diñeiro que poxaron nesa poxa ou noutras pasadas ou filtrar por criterios para poxar soamente por aqueles animais que lles interese. Ademais, terán a posibilidade de comprobar todos os datos dos animais no móbil, como idade ou se teñen algunha restrición sanitaria.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page