Esta cita está organizada pola empresa melidense Ecocentro, S.C. que comercializa a marca “El Huevo de la Abuela”
Laura Moure/Melide
A primeira feira do ovo campeiro e o desafío da tortilla máis grande do mundo xa teñen cartel. O evento, organizado pola empresa melidense Ecocentro, S.C. deu a coñecer este xoves os resultados do concurso para ser a imaxe do evento, que terá lugar en Melide o 14 e 15 de setembro.
As 15 pezas recibidas nesta primeira edición, proveñen tanto de Galicia como do resto de España, e permanecerán expostas na sede da empresa en Melide e poderán contemplase o sábado 14 de setembro, día da inauguración das instalacións. De todas os orixinais recibidos, resultaron finalistas sete deles, aqueles que recibiron algún punto do xurado, entre as que se escolleron os tres premiados: o cartel que resultou gañador, que será a imaxe da feira, foi o titulado A miña terra, unha obra que coa súa ilustración pon en valor a tradición, os ovos camperos e a vila de Melide, do autor murciano Rubén Lucas García, o cal recibirá un premio de 300 euros en metálico, así como o segundo clasificado, obra de Cristina González, e o terceiro, de Ángel Ayude, veciño de Berredo (Agolada), que levarán 50 e 25 ducias de ovos camperos, respectivamente. Ademais, a organización outorgará un premio especial á participante máis nova, que esta edición foi a melidense Daniela Pedrosa, de 12 anos de idade.
Publicidade
O xurado estivo formado por un total de 11 persoas, pertencentes á xerencia e o persoal da empresa Ecocentro, S.C, organizadora do evento, así como profesionais externos (dous arquitectos e unha profesora de debuxo técnico e artístico) ademais dun dos principais colaboradores da empresa, xunto con membros da corporación municipal do Concello de Melide, representada por tres das súas concellerías. Compuxérono: Manuel Casal, xerente de Ecocentro, S.C.; Manuel Casal Costoya, Sergio Casal, Borja Casal, Iria Casal e Paula Casal como socios da empresa Ecocentro, S.C. que comercializa a marca “El Huevo de la Abuela” ademais Frank Costoya, arquitecto residente en EEUU especialista en deseño e Rubén Martínez, en representación da empresa conquense Rujamar Grupo Avícola como o sei principal colaborador, e en representación do Concello de Melide, os concelleiros Xosé Igrexas, María José Costoya e Jose María Santín.
Publicidade
Ecocentro, S.C. é unha empresa familiar con máis de 30 anos de experiencia, que produce actualmente 10.000 ducias diarias de ovos camperos da máis alta calidade. Actualmente conta con máis de 120.000 galiñas camperas propias alimentadas en máis dun 50% con millo, xunto con outros cereais, e pastos.
Comments