top of page

O BNG volverá levar ao Parlamento de Galicia o debate sobre as parcelarias de Agolada

Ecos da Comarca/Agolada

O BNG levará presentou unha iniciativa sobre as parcelarias de Agolada, que se vai debater no pleno do parlamento da semana que vén, con convidados de Agolada que asistirán á sesión plenaria, para saber que pretende facer o goberno da Xunta de Galiza " "para apurar o proceso de parcelarias aberto e non decretado malia poder facelo". "É importante, sobre todo porque se trata dunha zona con proxectos eólicos, proxectos de plantas de biogás, o vertido de Altri a menos dun quilómetro, onde non se ten en conta nin o beneficio para a poboación nin para os sectores produtivos", recalca o Bloque.


O BNG lembra que a pasada vaga de lumes saldouse "cunha grande parte do noso territorio devastado polos peores incendios da nosa historia, que se cebaron con Ourense pero que tamén afectaron a outras zonas do interior do país, dentro das que se encontra a aldea do Sexo, no concello dezao de Agolada". Alí, o 15 do pasado mes de agosto, decretouse o nivel 2 por perigo para a poboación debido a un lume de grande voracidade que queimou o monte que arrodea a aldea e que puido ter consecuencias aínda máis devastadoras de non ser por a actuación dos veciños e veciñas, que loitaron contra as chamas cos medios que tiñan, axudados por persoas de núcleos próximos, que acudiron con tractores e cisternas para colaborar co dispositivo de extinción.

ree

"Os veciños alí presentes durante aquela xornada declaran terse sentido abandonados e enganados polos datos que a propia Xunta de Galiza proporcionou posteriormente do incendio que os asediou e fixo que a poboación de maior idade vivise con medo horas nas que estiveron confinados mentres os seus familiares apagaban as lapas para que non arderan as vivendas. Mais non é o único motivo polo que a poboación de varias parroquias de Agolada considera que é tratada con desleixo por parte das administracións, xa que consideran que ningún dos proxectos pensados para o territorio que habitan os benefician a eles en primeira instancia, en moitos casos ocorre o contrario, que resultan prexudicados en favor de empresas externas que aproveitan os seus recursos sen que revertan positivamente na zona. É o caso de Altri, cuxo vertido de auga se atopa a 300 metros da aldea do Sexo, de proxectos eólicos contra os que levan loitando anos, liñas de alta tensión ou, recentemente, a posibilidade da instalación dunha planta de biogás na contorna".


Non entanto, indica o Bloque, "o que os veciños das parroquias do Sexo, Eidián, Ramil, Basadre, Agra, Val de Sangorza, Baíña, Órrea e Berredo levan anos solicitando ao goberno da Xunta de Galiza, non se leva a cabo. Este é o caso das concentracións parcelarias, demandadas polo 98% dos veciños e veciñas das citadas zonas e que levan arrastrando durante décadas, sen que as case 4000 hectáreas se concentren e favorezan o desenvolvemento de gran cantidade de proxectos pensados polos agoleses para a zona e que beneficiarían tanto a gandeiros e agricultores coma á economía local, loitando contra

o forte despoboamento do que non é allea a comarca e o concello".



Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A pesares, apuntan os nacionalistas, das moi numerosas reunións e promesas de axilización, con visitas reiteradas dirante anos de distintas directoras do Agader e outros cargos do goberno galego, para anunciar movementos, "o certo é que a realidade continúa a ser a mesma que fai 14 anos, cando se fundou a asociación Queremos Parcelarias, cuxo fin era o de darlle un impulso a estas concentracións e facer fincapé na súa importancia e a mesma que fai máis de 20, no 2002, cando comezaron os procedementos. Veciños e veciñas afectados por o desleixo total da administración cara esta rica e produtiva ribeira do Ulla non confían no goberno galego nin nas súas promesas recorrentes e reclaman atención e investimento para unha zona que vai camiño de baleirarse cando o futuro podería ser ben distinto se as políticas para o rural fosen as axeitadas e pensadas para a xente que habita nel e non para que uns poucos se lucren a conta do que é de quen vive no territorio e coida del".


En consecuencia, o BNG formula a seguinte pregunta para resposta oral en Pleno polo trámite de urxencia:

"Considera a Consellería de Medio Rural que continuar sen decretar as concentracións parcelarias de Agolada é tratar de xeito xusto aos veciños e veciñas das 8 parroquias que levan agardando máis de 20 anos para levar a cabo os seus proxectos?"

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page