top of page

O BNG urxe ao goberno local que remate “coa sangría” do comercio lalinense

Manuel Carbón pide “responsabilidade e diálogo” co sector para converter á capital de Deza nun referente comercial


Ecos da Comarca/Lalín

O BNG de Lalín alerta da “sangría” que está a padecer o pequeno comercio local nos últimos dous anos e urxe ao goberno do PP a “sentarse a falar cos comerciantes e deseñar un plan que dunha vez por todas aposte por Lalín como un referente comercial en Galiza. O responsable de organización do BNG, Manuel Carbón, apela á “responsabilidade e o diálogo” co sector e urxe ao goberno de Crespo a que “deixen de mirar cara outro lado mentres van quedando baleiros ducias de locais comerciais no casco urbano”.

“Temos un concello que non planifica, non fala cos comerciantes e que funciona só a golpe de convocatorias de subvencións da Xunta de Galicia”, critica Carbón. O responsable de organización do BNG considera “unha irresponsabilidade” que o goberno municipal do PP “siga dándolle as costas ao pequeno comercio” mentres ve como cada mes pechan novos negocios locais no casco urbano. O BNG de Lalín está a recoller de primeira man “as queixas e a preocupación” do sector, que se sinte “abandonado” polo goberno do PP.


Critican os nacionalistas lalinenses que nos últimos anos “só escoitamos anuncios que quedaron en nada” por parte do PP de Lalín. Xa no ano 2022 unha enquisa feita pública polo Concello de Lalín alertaba de que só un 40% da poboación non considera Lalín un lugar atractivo para ir de compras e case un 50% da veciñanza tampouco o considera atractivo para montar un negocio. “Con estes datos na man o goberno do señor Crespo leva xa dous anos de mandato sen tomar unha soa medida para reverter esta situación”.



Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

“Lalín é a capital comarcal, e o seu comercio local tería que ser un referente”, explica Manuel Carbón, que lembra que o goberno municipal “pode facer moitas cousas” para dinamizar a actividade comercial de Lalín. “Os pequenos comerciantes levan tempo petando ás portas do goberno local, demandando que desde as competencias municipais

se tomen medidas, se fagan plans e se lles teña en conta para deseñar o futuro comercial

de Lalín”, sinala Carbón.


"Diante da ausencia de diálogo e a falta de políticas municipais o que acontece é que

nos topamos cun Informe da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias do pasado mes de xaneiro que coloca a Lalín entre os concellos de toda Galiza con máis baixos

comerciais baleiros. O BNG de Lalín advirte que “coas mesmas campañas estacionais no Nadal e no cocido non imos a mellor, e un paseo polo centro de Lalín debería levantar todas as alarmas dun goberno responsable”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Un plan de dinamización feito co sector

“O pequeno comercio de Lalín pide auxilio, e precisa dun goberno municipal que escoite, que planifique e que tome medidas”, sinala o responsable de organización do BNG. Diante da situación actual, o BNG apela “á responsabilidade” do goberno do señor Crespo para que “dunha vez por todas se sente co sector e os axentes sociais para escoitar as súas demandas e deseñar un plan de dinamización comercial que garanta o

futuro do pequeno comercio”.


Sinala Carbón que o PP de Lalín “ten moitos exemplos de concellos de todo o país onde as políticas urbanísticas, o deseño das cidades e o desenvolvemento do pequeno comercio feito por gobernos do BNG son exemplo dentro e fóra de Galiza”. Critica o BNG lalinense un alcalde e un goberno local paralizado e “que desprecian a actividade económica que pode xerar o noso casco urbano”.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page