O obxectivo é adoptar unha serie de acordos para buscar abaratar o prezo da factura da enerxía eléctrica
Ecos da Comarca/Deza
O BNG rexistrará nos Concellos da comarca de Deza unha moción sobre a tarifa eléctrica para adoptar serie de acordos que buscar abaratar o prezo da factura da enerxía eléctrica. Os acordos a adoptar pasan pola rebaixa do IVE do actual 21% ao 4%, "por ser un ben de primeira necesidade, non un obxecto de luxo, que o prezo da electricidade se estipule en función dos custes da xeración de cada tecnoloxía, non polo prezo da de maior custe ou beneficiar aos territorios de produción de enerxía eléctrica a través do abaratamento dos prezos".
O partido nacionalista é consciente de que o Real Decreto aprobado polo goberno estatal o 21 de marzo que establece a metodoloxía que conforma a parte regulada da factura da luz, terá un impacto negativo que vai afectar a importantes sectores sociais e económicos que xa están sofrindo as consecuencias derivadas do forte inpacto económico das restricións impostas contra a Covid 19. Así fan fincapé en que:
Os consumidores que estaban adheridas ao sistema de discriminación horaria, verán incrementada a factura nun 30%.
A totalidade das explotacións gandeiras da comarca verán incrementada a súa factura nun 40%, xa que os horarios do periodo punta da tarifa coinciden coas tarefas de alto consumo enerxético.
A hostalería (duramente castigada pola Covid) e o resto de PEMES, sectores económicos importantes desta comarca, sufrirán igualmente as consecuencias porque a súa actividade desenvólvese necesariamente durante as horas de maior custo da enerxía.
"Todo isto sucede nunha Galiza que exposta o 30% da enerxía que produce, que sofre un forte impacto ambiental pola construción das infraestruturas eléctricas. Nas décadas dos 50- 60, foron os encoros que asolagaron vales e expulsaron á poboación das súas casas e das terras que os sustentaban. Nos anos 90 os eólicos comezaron a encher os cumios dos montes e a día de hoxe grandes aeroxeneradores pretenden arrasar terras agrarias expulsando, novamente, á poboación do seu territorio. Todo isto para ter a factura eléctrica das máis caras do estado e un servizo de subministro moi deficitario", lamenta o BNG.
"As distintas privatizacións levadas a cabo por gobernos estatais do PP, e tamén do PSOE, sentaron nos consello de administración das eléctricas a numerosos políticos, moi ben remunerados, que teñen a función de velar polos intereses das eléctricas para que as regulacións aprobadas sexan moi favorable aos oligopolios eléctricos e xeren grandes beneficios á costa da cidadanía", incide.
Commentaires