O BNG reclamará no Parlamento que se cubran as baixas dos profesionais de saúde mental en Lalín
- ecosdacomarca

- 21 ago 2025
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
A deputada nacionalista Ariadna Fernández denunciará no Parlamento Galego "a precarización do servizo de saúde mental de Lalín, con primeiras consultas e revisións que acumulan meses de atraso por falla de cobertura das incapacidades temporais dos profesionais".

Nas pasadas semanas varios doentes trasladáronlle ao BNG de Lalín as situacións que se están a vivir en canto ao servizo de Saúde Mental do CIS, onde o persoal de psicoloxía se atopa en situación de incapacidade temporal sen que dende o SERGAS se proceda á cobertura desa baixa. É por este motivo que moitas persoas citadas para estes meses recibiron a notificación, en algúns casos o mesmo día, de que non poderían ser atendidas.
Publicidade
"A gravidade do asunto reside na falla de compromiso do goberno galego coa sanidade pública do país, obrigando á poboación a recorrer á sanidade privada no caso de poder permitirse esa escolla. Nos casos nos que non é así, no noso concello as citas para primeiras consultas demóranse durante máis de medio ano e as revisións dos
tratamentos non se lévana a cabo en tempo e forma, de maneira que non se está ofertando un servizo con garantías á veciñanza de Lalín, agravándose en moitos casos os
procesos. Isto sería innecesario se dende a Consellería de Sanidade reforzasen o servizo de saúde mental no CIS lalinense, algo que non ocorre, e que ocasiona que a situación
sexa crítica nos casos nos que os profesionais que desenvolven a súa labor no centro de
saúde non se atopen en disposición, sexa cal sexa o motivo", lamenta o Bloque.
Publicidade
Dende o BNG a deputada Ariadna Fernández anuncia que acaban de rexistrarse iniciativas parlamentares ao respecto para debater na comisión 5 de Sanidade, coa intención de que as prazas se reforcen, coma xa se ten solicitado en anteriores ocasións
dende o BNG de Lalín e que as incapacidades temporais e as vacacións se cubran, garantindo a atención adecuada aos veciños e veciñas, que agora se atopan nunha situación de desleixo total por parte do goberno galego.








Comentarios