O BNG reclama un plan urxente de hidrolimpeza para as beirarrúas de Silleda e da Bandeira
- ecosdacomarca

- 28 may
- 2 min de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
O grupo municipal do BNG de Silleda vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno ordinario do mes de maio na que reclama ao goberno local a posta en marcha dun plan urxente de hidrolimpeza en profundidade das beirarrúas dos cascos urbanos de Silleda e da Bandeira.

A iniciativa chega tras constatar o estado xeneralizado de sucidade e deterioro superficial das beirarrúas, especialmente tras os meses de inverno, nos que se acumularon manchas, barro e residuos que afectan á imaxe dos espazos públicos. Nos últimos días, o BNG tamén levou a cabo unha campaña de acción directa en distintas rúas das vilas, realizando limpezas con auga a presión en varios puntos.
Estas intervencións permitiron evidenciar tanto o nivel de sucidade existente como a
viabilidade dunha limpeza eficaz, deixando ademais visibles mensaxes por contraste
entre a zona limpa e a sucia, como “zona libre de limpeza municipal” ou “concello
ausente, sucidade presente”.
PUBLICIDADE
A voceira municipal do BNG, Erea Rey, sinala que “quixemos demostrar con feitos o que calquera veciño pode comprobar a diario: as beirarrúas están sucias e pódense limpar, pero falta vontade política para facelo”. Rey engade que “é especialmente grave que en moitos casos sexa a propia veciñanza quen teña que asumir esta tarefa ante a inacción do Concello”.
Desde o BNG lembran que boa parte da sucidade existente é incrustada, polo que non
pode ser eliminada cos medios ordinarios e require o uso de maquinaria específica de hidrolimpeza a presión. A través desta moción, o BNG propón que o Concello execute un plan que abranga a totalidade das rúas e zonas peonís, priorizando as máis afectadas, e que ademais se estableza un calendario periódico de mantemento para evitar que esta situación se repita.
PUBLICIDADE
Erea Rey insiste en que “Silleda merece uns espazos públicos coidados e á altura do que representa o noso concello, e iso pasa por unha planificación seria e continuada”. A voceira nacionalista conclúe que “fronte á pasividade do goberno, o BNG actúa e propón solucións concretas para solucionar un problema que é evidente”.








Comentarios