Reclama, asemade, un plan de erradicación da Acacia mimosa e un plan de recuperación e posta en valor do patrimonio do Deza
Ecos da Comarca/Deza
A deputada nacionalista lalinense, Ariadna Fernández, vén de rexistrar vairas iniciativas parlamentares para o seu debate en pleno e comisión, relativas á restauración, tras os actos vandálicos sufridos, da Ponte dos Cabalos, situada entre os concellos de Agolada e Lalín. Así mesmo solicita incoar o expediente de declaración como BIC de dito monumento e á posta en valor do patrimonio do Deza, como mecanismo de revitalización económica mediante o turismo, ademais dun plan de erradicación da Acacia mimosa na ribeira do río Arnego, especie invasora que presumiblemente foi introducida durante a primeira restauración que se levou a cabo. Ademais de Fernández, ata a Ponte desprazáronse a voceira do BNG de Agolada, Susana Tato, e o voceiro do Bloque de Lalín, Francisco Vilariño.
A Ponte dos Cabalos une as parroquias de Parada, en Lalín, coa agolense de Ferreiroa e é a única que queda en pé das cinco que unían o Deza coa Ulloa. A súa relevancia patrimonial, indica a deputada nacionalista “radica en que é a única desta época que non sufriu modificacións posteriores, conservando a estrutura inicial con dous arcos de medio punto e a súa rasante plana” .
Publicidade
Engade así mesmo, que “tamén ten relevancia como lugar de memoria histórica, xa que a súa denominación fala do que alí sucedeu ao longo dos tempos”. Así, séculos atrás denominábase Ponte do Portego ou Portádego que indica que para cruzar o Arnego a aquela altura se pagaban peaxes, evitando grandes rodeos, como demostra unha pedra cunha canle lateral que podería ser parte dunha estrutura que pechara o paso a modo de porta. O nome mudou despois a Ponte dos Cabalos, que rememora as consecuencias da
invasión francesa durante a que nunha loita con veciños do lugar a ponte ficou chea de cadáveres do animal que lle da nome, atestiguando tamén o asasinato de veciños por parte dos carlistas no 1839.
No ano 2020 leváronse a cabo obras de consolidación e conservación por valor de 115.000 euros financiadas por Agader e os concellos de Lalín e Agolada para a posta en valor do elemento e a recuperación o Camiño Real. Xunto coas obras de conservación da ponte, introduciuse unha escalinata lateral que rompe coa estética da ponte milenaria e a harmonía do complexo, “actuacións propias de administracións con escasa ou nula sensibilidade polo noso patrimonio,” asegura a deputada nacionalista, Ariadna Fernández, sendo tamén obxecto de fondas críticas por parte da veciñanza.
Publicidade
"Un ano despois de rematadas as obras, a Ponte dos Cabalos foi vítima dun acto vandálico no que varias pedras da varanda foron movidas, resultando, algunhas delas, rotas sendo preciso repoñelas. Tamén foron retiradas neses actos as pedras que impedían o acceso rodado pola ponte para evitar o risco de derrube. Non queremos esquecernos do invasión de Acacia mimosa aparecida despois do movemento de terra feito pola empresa que é preciso erradicar para evitar a súa expansión pola ribeira do Arnego e a Rede Natura 2000".
Comments