O BNG reclámalle á Xunta a posta en servizo da residencia da Terceira Idade de Agolada
- ecosdacomarca
- 5 mar 2023
- 2 Min. de lectura
Os nacionalistas agoladenses demandan que o equipamento sirva coma centro de día e conteña un servizo de atención residencial
Ecos da Comarca/Agolada
O BNG de Agolada reclámalle á Xunta de Galicia que poña dunha vez a funcionar a servizo dos veciños e veciñas o edificio da residencia da Terceira Idade. "Son preto de 30 anos que este equipamento leva parado, nun concello ademais que carece practicamente de servizos para as persoas maiores a pesares de que o 40 por cento da poboación ten máis de 65 anos". Dende o BNG demandan aproveitar este edificio para poñer en marcha en Agolada un centro de día e conteña un servizo de atención residencial

“Consideramos que non se pode demorar por máis tempo a posta en funcionamento
desta residencia ante a demanda existente na sociedade. Este edificio debería estar
destinado a albergar en réxime de convivencia cuasi-familiar a persoas maiores cun alto
grao de auto valemento”. O BNG local lembra que é competencia da Xunta de Galiza a
posta en funcionamento dun edificio que conta cun equipamento de 13 prazas para persoas “válidas” (que se poden valer por si mesmas), lavandería, cociña e comedor,
cafetería e sala de estar. "Todo isto atópase integrado dentro dun complexo socio-sanitario no que se localiza un centro médico necesario para a súa posta en funcionamento, conxuntamente coa proximidade dos Servizos Sociais do Concello".
“Deixadez” de Xunta e Concello
O BNG de Agolada critica a “falla de vontade e deixadez” tanto da Xunta de Galicia coma dos distintos gobernos municipais do PP nestes últimos 30 anos. Lembran os nacionalistas que no ano 2007 os representantes do BNG no concello e o por aquel entón alcalde do PP, Ramiro Varela, mantiveron unha reunión na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra para desbloquear esta parálise do equipamento e poñer o servizo a funcionar para os veciños e veciñas.
Daquela o delegado provincial da Vicepresidencia do bipartito comprometeuse a poñela
en funcionamento. “Tan só era preciso que o alcalde pasara os planos do edificio para
facer o convenio respectivo e a Xunta se encargaba de todo. Pero nunca se pasaron eses
planos,” lembran. "Co cambio de goberno en Agolada, tampouco a residencia tivo mellor sorte. O alcalde, Luís Calvo, mesmo ten dito que quere meter cartos municipais en distintas actuacións no edificio para a súa posta en marcha, cando a competencia é da Xunta de Galicia e o que debería facer é ir falar coa conselleira e traballar a nivel institucional para que a veciñanza de Agolada poda desfrutar deste necesario servizo aínda que sexa 30 anos despois", incide.
Commentaires