O BNG reclámalle á Sareb a cesión permanente e gratuíta dos terreos que ten en Silleda
- ecosdacomarca
- 14 sept 2024
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 15 sept 2024
O Bloque desta localidade lamenta que o goberno local "oculte información sobre o convenio" e pídelle que "sexa máis ambicioso" e esixa esta cesión
Ecos da Comarca/Silleda
O Grupo Municipal do BNG de Silleda vén de presentar unha moción para o seu debate
no próximo pleno ordinario, previsto para o día 26 de setembro, na que reclama á
Sareb a cesión gratuíta, permanente e irrevogable dos terreos que a sociedade ten no
termo municipal de Silleda. Así mesmo, tamén reclama que a SAREB e o Concello
cheguen a un acordo que permita que as vivendas en bo estado de habitabilidade que
ten a primeira en Silleda poidan ser ofrecidas en alugueiro.

Dita solicitude prodúcese logo de facerse público o convenio asinado en agosto entre o
Concello de Silleda e a Sareb, polo que esta última cedía temporalmente o uso dun
solar no Barrio do Campo para o seu uso como aparcadoiro, acordo que os nacionalistas
cualifican como "pouco ambicioso".
Desde o BNG chaman a atención sobre o feito de que na comunicación feita pública polo goberno municipal non se mencione que se trata dunha cesión non gratuíta, xa que o Concello comprométese á devolverlle á Sareb o importe anual do IBI de ditas parcelas. Ademais, o convenio establece claramente que a duración do mesmo será ata o 31 de xullo de 2025, indicando que o contrato quedará “automaticamente resolto” nesa data, polo que tampouco se entende que "o goberno minta", anunciando que se trata acordo “prorrogable por anualidades”.
Publicidade
Ademais, desde o BNG advirten que a Sareb resérvase o dereito a resolver o contrato unilateralmente en calquera momento, sen ofrecer ningunha compensación ao Concello, polo que podería darse unha situación onde o Concello tivese que devolver o terreo no medio da cesión, logo de ter realizado uns investimentos en adecuar o acceso e o interior do terreo para o seu uso como aparcadoiro. Nesa liña, desde o BNG piden ao goberno que faga público cal é o custo para as arcas municipais que están tendo os traballos para adecuar o interior da parcela e instalar un valado.
A moción presentada polo BNG, recorda que a Sareb é unha sociedade participada
maioritariamente polo Estado e que os seus bens foron adquiridos polos contribuíntes
mediante a emisión de débeda avalada polo Estado, polo que os terreos dos que dispón
deberían ser transferidos ao Concello de Silleda con carácter permanente e a título gratuíto.
Publicidade
Nese sentido, tamén se reclama que o Concello de Silleda se dirixa ao Goberno do
Estado, pedindo un cambio na política de xestión de activos inmobiliarios da Sareb que poña o foco no aproveitamento público das vivendas e terreos dos que é titular, en lugar de destinar ditos inmobles a ser poxados a fondos de investimento inmobiliario, pouco preocupados polo interese público.
Comments