O BNG realiza hoxe en Arzúa un acto en defensa dun modelo de financiamento xusto para Galicia
- ecosdacomarca
- 11 abr
- 2 Min. de lectura
Contará coa participación de Iria Carreira e Rubén Cela
Ecos da Comarca/Arzúa
O BNG da comarca da Montaña organiza un acto público dentro do marco da campaña nacional Galiza coa chave dos seus cartos que está a desenvolver a organización frontista por todo o País, que desta vez terá lugar no concello de Arzúa. Este acto contará coas intervencións de Iria Carreira, responsábel comarcal do BNG da Montaña e deputada no Parlamento galego, e Rubén Cela, economista, para dar a coñecer as alternativas da formación nacionalista para desenvolver un novo modelo de financiamento que dea a Galiza a chave dos seus cartos e aproveitar o potencial que ten o País como motor económico e social e mellorar o benestar dos galegos e as galegas.

O obxectivo desta campaña "é facer ver á cidadanía que o actual sistema de financiamento é unha das maiores inxustizas que padece Galiza dende hai décadas" e, ao mesmo tempo, explicar as vantaxes da proposta do BNG, que pasa por un modelo de concerto económico similar ao que xa está enriba da mesa para nacións coma Euskadi ou Catalunya.
Publicidade
O modelo de concerto económico que defende o Bloque e que “xa se demostrou que é eficaz en Euskadi permitiría a Galiza recadar o cen por cen dos impostos que xeran os galegos e as galegas e negociar a súa contribución ao Estado. Non é unha cuestión de privilexios, senón de xustiza e igualdade, porque queremos que Galiza teña os mesmos dereitos que outras nacións ou territorios do Estado, que non se nos trate como cidadáns de segunda”, sinalou Iria Carreira.
“Nun momento no que se está a debater o modelo de financiamento, no que a débeda pública ou o incremento do gasto militar son dúas cuestións que ocupan titulares e portadas, é fundamental coñecermos como funciona o orzamento público”, apuntou Carreira, que remarca a importancia destes debates para que “Galiza non perda o tren por mor do Partido Popular e a súa estratexia de submisión a Madrid”.
Comentários