top of page

O BNG propón dotar Lalín dun programa municipal de cooperativismo de vivenda en alugueiro

A fronte nacionalista demanda que o Concello facilite solo e axudas públicas para poñer en marcha un modelo que xa ten experiencias de éxito noutros territorios


Ecos da Comarca/Lalín

O Bloque Nacionalista Galego de Lalín solicita a creación, antes de que finalice este ano 2025, dun programa municipal de impulso ao cooperativismo de vivenda en réxime de alugueiro ou cesión de uso, co obxectivo de combater a emerxencia habitacional que afecta ao Concello. A iniciativa busca ofrecer unha solución innovadora e accesible fronte á escalada imparable e inasumible dos prezos en Lalín dos alugueiros, que rexistraron un

incremento do 30% nos últimos catro anos e do 18% no último, tal e como sinala o Bloque.


A Responsable Local do BNG de Lalín, Mari Fernández, xustificou a medida asegurando que “a veciñanza de Lalín non pode soportar esta situación e ver como o goberno local e Xunta de Galiza só aportan como solución o desenvolvemento dun número irrisorio de 17 vivendas na zona da Ronda Leste que non serían unha realidade até como mínimo o ano 2029”.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A proposta do BNG responde á necesidade de medidas urxentes "ante a incapacidade do actual Goberno municipal para acometer politicas reais que poñan solución ao que califican dun dos principais problemas que ten o noso concello a día de hoxe. Neste contexto, o cooperativismo de vivenda preséntase como unha alternativa viable que combina os beneficios do alugueiro e da propiedade, promovendo un acceso digno, asequible e non especulativo".


Un modelo innovador para a estabilidade residencial

Mari Fernández puxo en valor o modelo alternativo que representa o cooperativismo de cesión de uso. "Unha fórmula que permite que as cooperativas manteñan a propiedade colectiva dos inmobles, mentres as persoas socias obteñen un dereito de uso indefinido a cambio dunha achega inicial recuperable e cotas mensuais, a xeito de alugueiro, axustadas aos custos reais, non ao desorbitados prezos de mercado. Este sistema elimina intermediarios especulativos, reduce custos e fomenta a participación democrática e a creación de comunidade".


“É unha solución que garante estabilidade residencial e combate a especulación, para facer efectivo o dereito fundamental á vivenda digna”, resumiu a responsable local nacionalista.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Experiencias de éxito

O modelo proposto polo BNG inspírase en experiencias exitosas en territorios como Cataluña, Aragón ou Asturias, referenciadas en iniciativas como o cohousing de Dinamarca, onde o cooperativismo de vivenda demostrou ser unha ferramenta eficaz para promover concellos máis inclusivos e sustentables. "En Lalín, onde a presión inmobiliaria especulativa dificulta cada vez máis o acceso á vivenda, este programa podería marcar un antes e un despois”, subliñou Mari Fernández.


O BNG insta o Concello de Lalín a liderar esta iniciativa mediante a cesión de solo público, axudas económicas e unha regulación específica que facilite a creación de cooperativas de vivienda para alugueiro. “O Goberno municipal ten a oportunidade de converter Lalín nun referente en vivenda cooperativa, promovendo un modelo de vila máis xusto, cohesionado e comunitario”, defende Mari Fernánez.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page