top of page

O BNG presenta iniciativas para garantir a reserva de prazas para os veciños na residencia de Dozón

Ecos da Comarca/Dozón

Membros do BNG local e a deputada Ariadna Fernández achegáronse á zona onde están comezando coas obras da futura residencia para solicitar que os usuarios de Dozón dispoñan de prazas de ser preciso, sen ter que desprazarse a outros concellos tendo estas instalacións ao lado da casa.

O BNG vén de presentar unha batería de iniciativas para tratar no Parlamento Galego a necesidade de que se respecte á veciñanza de Dozón e da comarca e se cumpra coa palabra dada tanto por parte da Consellería de Política Social coma o goberno local. A deputada nacionalista rexistrou esta semana iniciativas relativas á necesidade de reservar prazas para os veciños da zona, xa que di non comprender “en que vai beneficiar a construción da residencia e centro de día en Dozón se os veciños deste concello non van ter prioridade e terán que continuar a desprazarse polo país para ser atendidos.”


Así mesmo solicítalle tanto á Consellería coma ao rexedor local que expliquen o por que do cambio de criterio alegando que “na propia páxina da Xunta de Galiza, hai 8 meses, falábase textualmente de que se instalaría a residencia e centro de día para as persoas maiores de Dozón, algo que o señor Campos subscribía e anunciaba a bombo e prato e que sen embargo agora di que non é posible, que non se vai garantir a reserva”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Fernández insiste en que se trata "dun engano aos veciños e veciñas, que contradí totalmente o modelo que a Xunta de Galiza pregoa constantemente onde repiten que teñen un modelo de coidados centrado na proximidade e que logo se incumpre reiteradamente, con persoas maiores que están a quilómetros das súas casas e con

familias ás que lles é moi complicado manter a relación diaria cos seus".


Coa visita a Dozón dos membros do BNG anuncian que continuarán pedindo explicacións, tanto na localidade a través do seu concelleiro Miguel Docasar, coma no Parlamento Galego a través da comisión 5, para saber se se van cumprir, "tanto os acordos entre o Consorcio e a FEGAMP, que rexeron a selección das localidades onde se destinarían os fondos que chegarán para a construción da residencia, coma a palabra dada pola señora Fabiola García e o propio alcalde". Así mesmo insistirán para que os veciños e veciñas de Dozón se vexan beneficiados das futuras instalacións, "garantindo que terán prazas para os usuarios preto da casa e que se vai pensar no seu interese e non unicamente no da empresa concesionaria, que parece ser quen impón as súas condicións sen que ninguén mire polos veciños".


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page