Ecos da Comarca/Vila de Cruces
Hai un ano da man do deputado Mini Rivas, o BNG de Vila de Cruces trasladou ao Parlamento Galego as demandas da veciñanza, a través dunha Proposta non de Lei, sobre a mellora do ferri que une os concellos de Vila de Cruces e Santiso. Reclamouse o acondicionamento de instalacións e barcaza, que, segundo explicou o deputado, debería supoñer a modificación do ancho actual das ramplas de acceso á embarcación ao que se estableza un proxecto de enxeñería e, que considerou non debería ser inferior a 13 metros en toda a lonxitude das ramplas, tanto do lado de Loño (Vila de Cruces) como na marxe de Beigondo (Santiso).
En concreto, falou dunha dotación dunha nova barcaza con capacidade como mínimo para 20 toneladas de carga e un espazo de 13 metros de longo; unha correcta iluminación nos accesos e o acondicionamento das estradas para que poidan acceder os vehículos das dimensións establecidas pola lexislación aplicable.
Este martes, o deputado Mini Rivas acompañado polo voceiro do BNG cruceño, Álex Fiuza, e a concelleira Carlota Salgado, xunto co alcalde de Santiso, Manuel Adán, e veciños de ambos concellos, volvían visitar os accesos da barcaza para ver in situ "o incumplimento absoluto do acordo aprobado no Parlamento en febreiro de 2021".
"O cumprimento daquel acordo é unha cuestión de vontade, e de novo vemos que o PP antepón os intereses das empresas amigas privadas, neste caso Naturgy, aos intereses dos veciños e veciñas que sofren o incumprimento destes acordos sistematicamente dende hai décadas, e mentres nada se sabe deste asunto por parte do alcalde Luis Taboada", afirma Fiuza.
Polo que o grupo nacionalista anuncia que volverá a preguntar no Parlamento por esta situación.
Comments