O BNG preguntará no Parlamento pola situación de abandono do antigo cámping de Medelo, en Silleda
- ecosdacomarca
- 12 oct 2024
- 2 Min. de lectura
Ademais a voceira do Bloque deste municipio solicita á alcaldesa que convoque unha Xunta de Portavoces para chegar a un acordo a respecto ao seu uso
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG rexistrou unha iniciativa no Parlamento da man da deputada Ariadna Fernández preguntándolle á Xunta que actuacións ten pensado realizar para cambiar a
situación de desleixo que sofre o cámping de Medelo, en Silleda. Esta iniciativa xorde logo dunha visita ás instalacións realizada hai unhas semanas pola deputada nacionalista, Ariadna Fernández, acompañada dos concelleiros do BNG deste municipio, Erea Rey e Xerardo Díaz, na que puideron constatar a falla total de medidas de seguridade así como o deterioro total das instalacións, tras 11 anos sen uso, despois de que se teñan producido numerosos roubos de materiais, actos vandálicos e pintadas.

Así, a deputada nacionalista rexistrou unha serie de preguntas, dirixidas á Xunta de Galicia, nas que pregunta, entre outras cousas, se o goberno galego ten previsto accións a curto prazo para darlle unha nova vida útil ao espazo ou se pretende derrubalo.
Nesa liña, a deputada do BNG tamén presentou unha Proposición Non de Lei para que o Parlamento galego inste á Xunta a analizar a situación das instalacións co obxecto de determinar se é viable a súa restauración ou se é preferible o seu derrubamento. No caso de que sexa posible restauralo, desde o BNG solicitan que Xunta e Concello acorden os posibles usos aos que se destinaría a instalación unha vez rehabilitada, dando prioridade aos usos sociais.
Publicidade
A tal fin, desde o BNG de Silleda solicitan á alcaldesa que convoque aos representantes das forzas políticas locais nunha Xunta de Portavoces, co fin de debater e acordar unha postura común acerca de cal é a preferencia do Concello a respecto do futuro de Medelo e sobre posibles usos no caso de que a Xunta opte pola restauración.
Compre lembrar que o cámping de Medelo, que conta cunha superficie de 31.000 metros cadrados, foi inaugurado en 1997, e na súa construción a Xunta investiu máis de 1,4 millóns de euros, polo que o seu estado actual de ruína constitúe unha mostra máis do desinterese e da mala xestión dos recursos públicos por parte do goberno do Partido Popular.
Comentarios