O BNG pide un Observatorio da Vivenda de Lalín que analice o parque inmobiliario e as necesidades
- ecosdacomarca

- 26 dic 2025
- 3 Min. de lectura
Mari Fernández Sanmartín acusa ao goberno do PP de “improvisación e inacción” en materia de vivenda
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín reclama a creación dun Observatorio da Vivenda municipal que estude o parque inmobiliario, identifique problemas e aporte solucións e unha política municipal en materia de vivenda que atenda realmente os problemas da veciñanza. A responsable local, Mari Fernández Sanmartín, criticou que na actualidade aínda que a vivenda é unha das principais preocupacións das e dos lalinenses, o goberno municipal do PP “sigue a improvisar, a anunciar parches doutras administracións” cunha “política errática coa que o señor Crespo só quere facer que fai, sen dar solucións na práctica ao problema habitacional no noso concello”.

Para o BNG de Lalín, un goberno serio que tome en serio o problema da vivenda da súa
veciñanza “ten que estudar o parque inmobiliario municipal, identificar problemas, aportar solucións e atender ás necesidades da xente, para despois poñer en marcha unha auténtica estratexia en materia de vivenda que aporte solucións de cara ao futuro”.
Critica Fernández Sanmartín que “o único en materia de vivenda que fixo Crespo foi
crear unha oficina municipal infradotada e da que nada sabemos cinco anos despois
respecto do seu uso por parte da veciñanza”.
O BNG “ten feitos os deberes” nun problema “grave que afecta a boa parte das nosas
veciñas e veciños e que así nolo teñen trasladado”. Fernández Sanmartín destaca do
parque inmobiliario municipal, con case 12.000 vivendas, os datos deste mesmo 2025
de portais como Idealista que sinalan que existe un 28% de vivendas baleiras, máis de
3.300 no municipio. Ademais os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) debuxan
un parque inmobiliario “antigo” no que case o 65% das vivendas teñen máis de 35 anos
de antigüidade e características que “non responden á demanda actual”.
Publicidade
O maior número de vivendas de máis recente construción en Lalín datan do ano 2001 e
até o 2010, explica Fernández Sanmartín cos datos do IGE, “a partires de 2011 e até
2020 o número de vivendas novas non chegaron a 200, polo que o actual parque
inmobiliario municipal “ten as eivas propias dos anos de construción” e a maiores,
segundo tamén destaca o censo de vivendas do IGE, "na metade das vivendas de Lalín
detectáronse problemas como ruídos exteriores, contaminación, pouca limpeza nas rúas,
malas comunicacións, escasas zonas verdes e delincuencia e vandalismo na zona".
Destaca tamén dos datos de portais especializados como Idealista a escasa oferta de
alugueiros no municipio, o que nun momento no que o acceso á vivenda é o principal
problema xeral en Galiza e tamén no Estado español, "supón un “tapón” para calquera
persoa que queira establecer un proxecto vital no noso concello". Para o BNG de Lalín “a
vivenda é un problema que hai que tomar máis en serio que crear unha oficina que
ninguén utiliza e lanzar ocorrencias deslabazadas sen unha análise previa do parque
actual e as necesidades da xente”.
Publicidade
“Parches e improvisacións”
Unha vez máis, apunta, “estamos diante da política do parche e a improvisación coa que goberna o señor Crespo”. O BNG de Lalín critica neste caso a “irresponsabilidade” que en
materia de vivenda está a practicar o PP no Concello. Fernández Sanmartín lembra ao
goberno do PP que “para adoptar medidas e solucións serias e de futuro hai que ter clara
a situación actual e escoitar á veciñanza”.
Lembra o BNG que a solución a un problema tan serio como a vivenda “non pasa por facer seguidismo do que diga o señor Rueda e dos anuncios e bailes de cifras de miles de vivendas construídas ao chou e en tempo récord”. A Xunta de Galiza, lembra o BNG
lalinense, leva 16 anos de gobernos do PP “nos que se fixeron 0 vivendas protexidas”, por iso convida tamén ao PP de Lalín a “recoñecer que a situación actual é froito dos erros políticos do seu partido durante máis de 15 anos gobernando e arremangarse para traballar dunha vez por todas polas veciñas e veciños”.








Comentarios