Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

O BNG pide no Parlamento unha ambulancia medicalizada para Lalín

Recrimina ao PP que negue o que vota a favor no concello


Ecos da Comarca/Lalín

O BNG reclamou no Parlamento galego que a Xunta dote a Lalín, como cabeceira da comarca do Deza, dunha ambulancia medicalizada de Soporte Vital Avanzado (equipada 24 horas ao día 365 días ao ano con dous técnic@s, 1 persoal de enfermería e 1 persoal facultativo) e que, no inmediato, recupere a ambulancia convencional de apoio na localidade que, a día de hoxe e por motivos descoñecidos, non está prestando asistencia.


Ante o veto do grupo parlamentario popular a esta iniciativa, a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, recriminoulle a súa incoherencia política, dado que o PP de Lalín vén de votar a favor hai uns días desta reivindicación no propio concello. “Lamentamos que o PP demande as cousas a tempo parcial e vote unha cousa e a contraria dependendo de onde se presenten”, criticou con severidade, para explicar a continuación que, a nivel local, non só manifestou o seu apoio a unha iniciativa similar, senón que mesmo aproveitou a visita de hai tan só uns días do conselleiro de Sanidade á vila para reiterarlle a necesidade desta ambulancia medicalizada.


“E resulta que hoxe, aquí, onde hai que tomar as decisións, o PP vota en contra”, reprobou logo de subliñar que isto obedece a unha sorte de xogo para enganar á poboación “dicindo unha cousa nun lado e a contraria no outro, mentres os veciños e as veciñas de Lalín e a comarca seguen sen os recursos para recibir a atención que necesitan”.

Montserrat Prado.

Prado salientou que dende logo para o BNG resulta “imprescindible” dotar á localidade dunha ambulancia medicalizada “para non seguir poñendo en risco a saúde e a vida dos veciños e veciñas de toda a comarca” e recordou as deficiencias existentes no transporte sanitario urxente, con tan só dous vehículos de Soporte Vital Básico, un localizado en Lalín e outro en Silleda.


Neste sentido, advertiu de que a ambulancia lalinense atende emerxencias nunha área duns 580 km2, cunha poboación dispersa e envellecida duns 26.000 habitantes, e con desprazamentos que poden chegar a 50 minutos e aos que logo hai que sumarlles o tempo de chegada ao CHUS, o hospital de referencia. “Na vez de atender ás demandas tanto da veciñanza como das e dos propios profesionais sanitarios, a Xunta limitouse a dotar dunha ambulancia de apoio, deficiente tanto en persoal como nas propias características do vehículo, e que ademais leva meses sen prestar servizo”, criticou.


A deputada nacionalista -que tamén reclamou un informe coas isócronas operativas das ambulancias con base en Lalín e Silleda, así como do número de servizos de apoio realizados en Deza por ambulancias diferentes á que ten base en Lalín- afeou ao PP o seu intento de xustificar que a comarca tiña cobertura suficiente con outros recursos sanitarios.

“Como están vostedes coa idea do hospital único, poden imputarlle a Lalín os recursos de todos os hospitais de Galiza”, ironizou con severidade en resposta ao argumento popular de que Lalín ten a súa disposición dous helicópteros de emerxencias. “Logo de votar en contra hoxe aquí no Parlamento, á dotación desta ambulancia medicalizada, esperamos que tamén teñan a valentía de presentarse diante da veciñanza de Lalín e da comarca para dicirlle que está perfectamente cuberta e que non ten nada polo que preocuparse”, concluíu.

55 vistas0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE