O BNG organiza mañá, día 4, en Arzúa un coloquio sobre a situación de Palestina
- ecosdacomarca

- 3 oct 2025
- 2 min de lectura
Contará coa presenza de Fayed Badawi, activista palestino
Ecos da Comarca/Arzúa
O Bloque Nacionalista Galego organiza xunto con Mar de Lumes un coloquio mañá, sábado, 4 de outubro en Arzúa sobre a situación que está a vivir o pobo palestino. Terá lugar ás 19 horas na Casa de Correos e contará coa presenza de Fayed Badawi, integrante da Fronte Popular pola Liberación de Palestina, Iria Carreira, deputada do BNG no Parlamento galego, e Xurxo Gómez, responsábel local da organización na localidade.
A organización nacionalista enmarca este acto no seu compromiso e defensa dos dereitos do pobo palestino. “Non podemos mirar cara a outro lado mentres se está cometendo un auténtico masacre, sobre todo na Faixa de Gaza”, declara Xurxo Gómez. “A actuación do goberno israelí, amparada polos EUA e a UE, é a dun réxime xenocida que se mostra coma tal a plena luz do día”, sinala.
PUBLICIDADE

Pola súa banda, Iria Carreira pon en valor a “solidariedade inquebrantábel do pobo galego con Palestina”. A piques de facerse dous anos desde o comezo desta vaga de ataques centrados en Gaza, “Galiza veu saíndo sistematicamente ás rúas, tamén o BNG, para denunciar o xenocidio e mostrar a súa solidariedade co pobo palestino ante o silencio da comunidade internacional”.
PUBLICIDADE
A fronte nacionalista anima a toda a veciñanza a asistir a este acto para coñecer de primeira man as orixes do conflito e cal é a situación na que está hoxe Palestina, así como tamén a participar da manifestación nacional convocada pola Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina que terá lugar o domingo, 5 de outubro, con saída ás 12 horas desde a Alameda compostelá. Para favorecer a asistencia, hai dispoñible un autobús con saída ás 10:30 da capela de San Roque en Melide e ás 11 horas do aparcamento da rúa de Lugo de Arzúa (Inscricións: 626 798 291).








Comentarios