top of page

O BNG mantén unha asamblea coa plataforma de afectados polos eólicos en Vila de Cruces

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Fiuza trasladoulles “o posicionamento rotundo en contra da instalación fraudulenta destes parques, que afectarán completamente a parroquias como Carbia ou Sabrexo”


Laura Moure/Vila de Cruces

O Grupo Nacionalista convocou unha reunión coa plataforma de afectados polos eólicos en Vila de Cruces para informalos das accións levadas a cabo durante estes meses con respecto á perigosa situación que poden chegar a ocasionar a instalación destes parques.

O voceiro nacionalista cruceño, Álex Fiuza, quere recoñecerlles a inmensa labor que están a facer, coas numerosas reunións informativas polas parroquias, recollida de alegacións, que xa sobrepasan fronteiras municipais, como se puido ver esta fin de semana en localidades como A Bandeira ou Melide, así como amosar todo o apoio da formación nacionalista polo o seu traballo.

Asistentes á reunión.


Por outra banda, quixéronlle presentar unha proposta que o partido presentará como moción no pleno ordinario que se celebra o 2 de xuño. Nesta moción atópanse dúas partes ben diferenciadas, unha dirixida á Xunta de Galiza, na que se solicitará:

  • Desenvolver e aprobar un novo marco regulatorio do sector eólico que incremente as garantías sociais, económicas e medioambientais, a comezar por un novo Plan Sectorial Eólico que conte cunha ampla participación dos axentes implicados (asociacións veciñais, agrarias, ecoloxistas, sindicais, centros de investigación, comunidades de montes, etc.)

  • Dar rango de lei ao impulso de Plans de Desenvolvemento Industrial asociados ás novas instalacións, establecendo medidas para que as autorizacións de novos parques eólicos se vinculen a proxectos industriais que xeren riqueza e emprego no país

  • Impulsar medidas para garantir a socialización dos beneficios do papel xerador de Galiza e o retorno económico para o noso país apostando pola constitución dunha empresa pública galega,Incrementar a vixilancia sobre as garantías medioambientais para asegurar o cumprimento do principio de prevalencia da protección do noso territorio.

  • Garantir unha verdadeira política de transparencia, información e participación cidadá.

O outro enfoque da moción, vai dirixido ás medidas que debe adoptar o goberno municipal, como medidas de carácter urxente co fin de solicitar a paralización a través dos prazos de exposición pública ou no momento no que se abra calquera procedemento administrativo dos diferentes parques e liñas que nos afectan, e como medidas de transparencia para a cidadanía, dado ao abandono social absoluto que o goberno de Xuntos amosa diariamente, e ao incumprimento dos acordos plenarios do pasado 20 de maio. Polo que o BNG redundará na contratación de técnicos especializados para a elaboración de informes de prevalencia forestal, agrogandeira e de especial protección ambiental para todos os proxectos, informes hidrolóxicos, apoio e asesoramento á veciñanza e colectivos como a plataforma, e tamén, transparencia absoluta coa documentación e trámites realizados con respecto aos eólicos.


Cesión da Alcaldía

O BNG quere lembrarlle "que en 14 días o alcalde Luis Taboada debería ser o suficientemente honrado para deixar o cargo, cumprindo o pacto de dous e dous anos de alternancia na alcaldía que el mesmo ofreceu ao BNG, posto que nada do que prometeu na súa populista campaña electoral o cumpriu, e a súa inoperatividade vese claramente en asustos tan importantes como a problemática que estamos a vivir cos eólicos, así como xa o demostrou coa nefasta xestión durante este tempo de pandemia".

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

コメント


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page