O BNG levará ao Parlamento Galego a mellora urxente do firme da PO-205 ao seu paso por Silleda
- ecosdacomarca

- 19 feb
- 2 min de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG anuncia que presentará nos próximos días unha serie de iniciativas no Parlamento de Galicia para esixir á Xunta a mellora inmediata do firme da estrada PO-205 no tramo comprendido entre o cruzamento coa N-525 e o acceso ao Recinto Feiral da Feira Internacional de Galicia, incluíndo a rotonda de entrada ao recinto ao seu paso por Silleda. Trátase duns 1.300 metros de vía autonómica cun estado moi deficiente, con fochancas, afundimentos e perda xeralizada da capa de rodadura.

A PO-205 cumpre unha función estratéxica para Silleda: actúa como circunvalación da vila, é o acceso principal ao Recinto Feiral, conecta o Polígono Industrial coa AP- 53 e serve de enlace co concello veciño de Vila de Cruces. A iniciativa será defendida pola deputada do BNG Ariadna Fernández.
Publicidade
Ariadna Fernández subliñou que “a situación deste tramo da PO-205 é totalmente insostíbel. A Xunta leva anos sen atender unha infraestrutura clave para o tránsito diario, a actividade económica e a imaxe de Silleda, especialmente durante os eventos do recinto feiral”. Engadiu que “o BNG reclamará unha actuación integral e inmediata para garantir a seguridade viaria e unhas condicións dignas nunha estrada esencial para a comarca”.
Publicidade
Para Erea Rey, voceira municipal, “era necesario que este problema entrase na axenda política do país, e agradecemos que o BNG o leve ao Parlamento. A PO-205 é unha vía
fundamental para Silleda e non pode seguir neste estado”.
A voceira local sinalou tamén que, máis alá da competencia autonómica sobre o firme, existe unha responsabilidade directa do Concello na falta total de iluminación deste tramo, unha cuestión que cualifica de “incomprensíbel”.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Rey lembrou que “a iluminación é competencia municipal e forma parte do contrato da
luz polo que o Concello paga arredor de 600.000 euros ao ano. Non se entende que non se faga cumprir ese contrato e que unha das estradas máis importantes para Silleda permaneza ás escuras desde hai anos”.
O BNG reclama así que a Xunta asuma de inmediato a mellora do firme e que o goberno municipal garanta o cumprimento das obrigas de iluminación, para que a PO- 205 recupere condicións de seguridade e visibilidade acorde á súa importancia para Silleda e para toda a contorna.








Comentarios