Ecos da Comarca/Xeral
O BNG levará aos plenos das corporacións municipais unha moción pedindo o posicionamento en contra das peaxes nas autovías polo impacto negativo para as clases populares e para os custes das actividades económicas galegas dada nosa ubicación xeográfica como periferia da Península e de Europa. "Pouco a pouco imos coñecendo os custes económicos e sociais que terán para a cidadanía os Fondos que a UE vai enviar a España. A xestión destes recursos está centralizada en Madrid, mais os custes, sociais e económicos, están espallados por todo o territorio. Un deles é o cobro por utilización das autovías xa amortizadas. Unha proposta que xa tiña previsto o PP de Mariano Rajoy e de Ana Pastor e que o goberno progresista de PSOE+UP recollen e a fan propia", apunta o BNG.
Sinala que entre os argumentos que esgrimen para a súa implantación "está o de que é unha medida “verde” (ultimamente dentro deste concepto cabe de todo) porque pretende desincentivar o uso do vehículo privado. Outro, que é un modelo “xusto” porque o lóxico é que pague quen as utilice, non toda a cidadanía, a través dos seus impostos. Unha concepción neoliberal dos servizos públicos: que accedan a eles, quen os poida pagar", recalca.
Ademais, indica que "pode ser que en Madrid utilizar o transporte privado sexa un luxo porque dispoñen de transporte público en abundancia, pero no noso país é unha necesidade pola ausencia de transporte público axeitado ás necesidade derivadas da dispersión da poboación e a ausencia dunha rede ferroviaria á altura do século XXI, especialmente para o transporte de mercadorías que faga competitiva ás nosas empresas". E engaden que cando no resto do estado a maior parte das autoestradas pasan a ser gratuítas, "no noso país seguimos pagando dúas das autoestradas máis caras de España ( AP 9 e a AP 53). Cando aínda o goberno do estado non executou o acordo de investidura co BNG para rebaixar a peaxe da AP 9, nin se tratou o traspaso da AP 53 na correspondente comisión, pretenden que paguemos por autovías xa pagadas e amortizadas mentres o mesmo estado rescatou con 3.000 millóns de euros as ruinosas radiais madrileñas. Aquí rescatase e faise público o que dá perdas e privatizase eternamente aquilo que dá beneficios ás empresas", lamenta.
Así mesmo, incide en que "tampouco resulta moi progresista fialo todo á conta de resultados do departamento de conservación de estradas sen ter en conta as consecuencias sociais que se poidan derivar desta medida. Este cobro obrigará ás capas sociais máis desfavorecidas a utilizar as vías convencionais (limitadas a velocidades moi baixas co conseguinte incremento gasto en combustibles, en tempo e en emisión de gases), colapsadas e nas que se producen a maior parte de accidentes mortais co conseguinte incremento en gasto médico e asistencial".
Ante todo isto, o partido nacionalista someterá a debate e aprobación do pleno de cada Concello esta cuestión e propón amosar a rotunda oposición de cada Concello á intención do goberno central de establecer peaxes nas autovías de titularidade estatal, por considerala "unha medida regresiva que establece barreiras económicas no acceso á servizos básicos como son as infraestruturas viarias, porque incrementa a inseguridade viaria e porque supón un atranco para o desenvolvemento económico e a cohesión social de Galiza" e en segundo lugar, dar traslado do acordo deste primeiro punto ao Ministerio de Fomento.
Comments