Ecos da Comarca/Deza
O BNG levará a cabo, nos meses de xuño e xullo, unha campaña de recollida de sinaturas
nos concellos da comarca de Deza "contra a abusiva suba da factura da luz que incrementará os beneficios das eléctricas e a recadación do estado por IVE a costa de empobrecer á cidadanía e en xeral, e as PEMES en particular".
No escrito a asinar reclámanse medidas para abaratar o recibo da luz e outras de maior calado para que os beneficios que xera a electricidade redunden en beneficio da poboación. "Existe unha preocupación social por canto este incremento da factura, dun 45% en 15 días, dáse ao mesmo tempo que estamos asistindo a unha invasión de parques eólicos na nosa comarca que xeran beneficios millonarios ás empresas eléctricas, mentres o noso tecido produtivo, gravemente afectado pola crise da covid, PEMES, o comercio, a gandaría ou a hostalería e a cidadanía galega en xeral, cos salarios e as pensións máis baixas do estado, pagamos a factura eléctrica máis cara do estado", lamenta o BNG.
"Resulta indecente que goberno de PSOE-Podemos, que se di progresista, permita estas subas cando onte mesmo, a ministra de Transición Ecolóxica dixo que “o aumento da factura non era imputable ao incremento real dos custes” o que significa que as eléctricas están saqueando á cidadanía coa complicidade do Estado. Non é estraño que isto suceda por canto Estado é o outro gran beneficiado da suba da luz a través da recadación do IVE. Tendo en conta que a enerxía eléctrica é un ben de primeira necesidade para poder vivir con dignidade e que unha boa parte da factura corresponde ao pago de impostos, a súa fiscalidade debe baixar do actual 21% ao 4% para garantir o dereito a acceder a ela a toda a cidadanía", incide.
Por outra banda, reclama unha tarifa eléctrica galega que compense os custes sociais e
ambientais derivados da construción de encoros e grandes parques eólicos necesarios para producila e abastecer outros territorios do estado. E finalmente, demanda a creación dunha empresa pública de enerxía inicialmente integrando os encoros que remataron o período de concesión, evitando novas concesións, para a socialización dos beneficios. "A este respecto hai que sinalar que, mentres España privatizou as empresas públicas de enerxía, outros, como Italia, mercáronas de tal xeito que agora engordan as súas arcas públicas a costa da factura que lle pagamos os galegos pola enerxía producida aquí".
As sinaturas van dirixidas ao goberno autonómico para "que exerza como tal na defensa dos intereses da cidadanía galega e deixe de actuar como comercial das eléctricas poñendo á súa disposición os nosos recursos a cambio de nada, agás as portas xiratorias das que se benefician uns poucos", conclúe o BNG.
Comments