top of page

O BNG leva ao Parlamento os vertidos recorrentes no río Asneiro en Deza e reclama solucións definitivas

Ecos da Comarca/Deza

O BNG vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para esixir á Xunta que actúe con urxencia ante os vertidos recorrentes que se producen no río Asneiro, principal afluente do Deza, unha problemática ambiental que se repite desde hai anos sen que as actuacións desenvolvidas ata o de agora lograsen poñerlle fin.

Foto de arquivo dun vertido no Asneiro.
Foto de arquivo dun vertido no Asneiro.

A formación nacionalista advirte de que os episodios de contaminación continúan producíndose sen que os expedientes sancionadores e as actuacións inspectoras realizadas por Augas de Galicia teñan efecto. "De feito, o Concello de Lalín foi sancionado a finais de 2025 por deficiencias na xestión das augas residuais, mais os problemas persisten, como quedou de manifesto co vertido detectado o pasado 1 de xullo á altura do

polígono industrial de Botos, onde apareceron escumas brancas, malos cheiros e unha evidente alteración da calidade da auga". Para o BNG, resulta imprescindible esclarecer a

orixe destes vertidos e determinar se están relacionados coa capacidade ou co funcionamento das infraestruturas de saneamento e depuración existentes, nomeadamente coa EDAR de Botos, coa EDAR do Pontiñas ou con outras instalacións da

rede.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

A deputada nacionalista Ariadna Fernández alerta de que esta situación “supón unha grave ameaza para o ecosistema fluvial do Asneiro e do Deza, afectando á fauna, á flora e ao estado ecolóxico das masas de auga”. Ademais, lembra que “augas abaixo existen captacións destinadas ao abastecemento humano, é prioritario reforzar os controis para garantir tanto a protección ambiental como a saúde pública e achegar medios para poñerlle fin a esta situación”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A través das iniciativas parlamentarias rexistradas, o BNG solicita á Xunta que identifique con claridade a orixe dos vertidos recorrentes e explique se considera que a causa está vinculada ás actuais infraestruturas de depuración. Tamén demanda información detallada sobre as actuacións inspectoras, preventivas e correctoras desenvolvidas por Augas de Galicia na conca do Asneiro e do Deza durante os últimos anos, así como sobre os expedientes sancionadores incoados ao Concello de Lalín por incumprimentos relacionados co saneamento e a depuración.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Finalmente, Fernández, considera imprescindible que a Xunta impulse os investimentos necesarios para adecuar a capacidade das infraestruturas de depuración ás necesidades reais do polígono industrial de Botos e do conxunto do municipio, garantindo un tratamento eficaz das augas residuais e evitando que continúen producíndose vertidos que deterioran os ríos e poñen en risco un recurso esencial como é a auga.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page