O BNG leva ao Parlamento do Estado a situación do edificio da rúa Álvaro Cunqueiro de Lalín
- ecosdacomarca

- 17 jul 2025
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
O deputado do BNG, Néstor Rego Candamil, adscrito ao grupo parlamentar mixto, ao abeiro do estabelecido no artigo 185 e seguintes do Regulamento do Congreso, formula as
seguintes preguntas dirixidas ao Goberno para a súa resposta escrita relativas á cesión por parte da SAREB á Xunta da Galiza do inmóbel sito na rúa Álvaro Cunqueiro de Lalín para a súa dedicación a aluguer social.

"A SAREB é a propietaria da maior parte dun edificación sen rematar en Lalín na rúa Álvaro Cunqueiro, cuxas obras quedaron paralizadas despois da crise inmobiliaria de 2008, o que determinou que o inmóbel rematara en mans do denominado banco malo que rescatou parte dos activos inmobiliarios considerados tóxicos das distintas entidades financeiras. O edificio precisa de actuacións urxentes para garantir a seguridade das
instalacións, porén, implica unha oportunidade excelente para apostar polo remate das obras e ofertar vivenda pública ou de aluguer social na vila. Por tanto, é preciso que a SAREB acometa as melloras de mantemento precisas nesta altura, ao tempo que se procede a ceder o edificio, xunto co resto de inmóbeis sitos na Galiza, á Xunta para que, unha vez se rematen as obras, se proceda á súa incorporación a unha bolsa de vivenda pública en aluguer. Con esta medida, lograríase mobilizar un importante número de vivendas en réxime de aluguer social en Lalín e paliar o importante déficit de vivenda na vila, un dos seus principais problemas. No concello de Lalín máis de 28% das 11.731 vivendas están baleiras, o que implica case tres de cada dez, un total
aproximado de 3.307, ao tempo que os prezos dos alugueres viuse incrementado notabelmente nos últimos anos, facendo imposíbel o acceso á vivenda de moitas
persoas. Con estes datos evidénciase a necesidade de promover máis vivenda
en réxime de aluguer social que facilite o acceso ás persoas con menos recursos,
mozos e clases populares en xeral", explica o Bloque.
Publicidade
Polos motivos expostos, o BNG formula as seguintes preguntas dirixidas ao
Goberno:
1. Cal é a actual situación do citado inmóbel en obras sito na Rúa Álvaro Cunqueiro de Lalín?
2. Cal é a cota de propiedade da SAREB no mesmo?
3. É consciente a SAREB da necesidade de iniciar actuacións urxentes para garantir a seguranza pública no inmóbel?
5. Comparte a SAREB que este inmóbel representa unha oportunidade para
dedicalo a vivenda pública en réxime de aluguer social?
Publicidade
6. Cal é a súa disposición para apostar polo remate das obras?
7. Considerará a cesión do edificio, xunto co resto de inmóbeis sitos na
Galiza, á Xunta para a súa incorporación a unha bolsa de vivenda pública
e de aluguer social facilitando así o acceso á vivenda de determinados
colectivos?
8. Despois de coñecerse o anuncio de transferir unha serie de inmóbeis da
SAREB á SEPES para a promoción de vivenda pública, pode o Goberno confirmar se o citado edificio en construción sito en Lalín na Rúa Álvaro Cunqueiro está entre os inmóbeis cedidos?








Comentarios