top of page

O BNG insta ás candidaturas que concorren á Alcaldía de Arzúa a ter un debate en público

Carril anima a non ter medo a debater “pois o contraste de ideas e propostas así como unha veciñanza ben informada é fundamental para garantir a limpeza e a transparencia democrática”


Ecos da Comarca/Arzúa

O candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa, Xoán Xesús Carril, fixo este mércores un “chamamento democrático” aos representantes de todas as forzas políticas que se presentan en Arzúa ás vindeiras eleccións municipais para “realizar un debate público e aberto a toda a veciñanza do noso concello,” explicou Carril.

Desde o BNG informan de que se dirixiron a todas a AxA, PP e PSOE. “Hoxe (por onte), que saíron publicadas todas as candidaturas que concorrerán no noso concello ás vindeiras eleccións municipais, desde o BNG vimos de dirixirnos por escrito ás persoas candidatas á alcaldía de Arzúa para propórlles a celebración deste debate público,” sinalou o candidato arzuán.


Xoán Xesús Carril referiuse a que “a proposta do BNG contempla que este debate sexa realizado nun espazo público para que toda a veciñanza que o desexe poida asistir e que sexa retransmitido pola radio pública municipal".

O candidato do BNG animou a todas as forzas políticas a “non ter medo a debater” e engadiu que “o contraste de ideas e propostas así como unha veciñanza ben informada dos programas electorais das diferentes forzas políticas é fundamental para garantir a limpeza e a transparencia democrática", recalca. “Xa que no 2019 non foi posíbel termos este debate, agardamos que nesta ocasión si o sexa e obtermos unha resposta favorábel á proposta do BNG, pois o debate en democracia é sempre sano e enriquecedor” concluíu.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page