top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O BNG insta á Xunta de Galicia a dotar a Lalín de tres ciclos agrogandeiros

Ecos da Comarca/Lalín

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa das deputadas Ariadna Fernández González, Montserrat Valcárcel Armesto, Cristina Fernández Davila e Sonia Vidal Lamas e do deputado Secundino Fernández Fernández, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presenta unha Proposición non de lei para debate en Pleno, sobre os ciclos formativos agrogandeiros.

"A formación profesional ofrece unha base e unha especialización encamiñada a que aquelas persoas que a cursen, en calquera das súas modalidades e variedade de ciclos formativos, estean preparadas para o acceso ao emprego, capacitándoas para o exercicio da profesión á que está adicada. É, daquela, un conxunto de accións formativas que facilitan a adaptación as modificacións laborais que poidan producir co paso dos anos gozando, o alumnado, dunha relación estreita entre o mundo da formación e o desenvolvemento profesional, combinándose as actividades no centro de referencia con prácticas en empresas relacionadas co sector ao que está destinado o ciclo formativo en cuestión, onde colabora abondo tecido empresarial", explica o BNG. "O alumnado ten un acceso ao mundo laboral que, en moito casos, xa se continúa coas practicas levadas a cabo na propia empresa, tendo unha alta aceptación do alumnado por parte destas, motivo polo cal os ciclos formativos son unha opción de futuro que ofrece vantaxes con respecto a outro tipo de formación".


Publicidade

Dado que, sinala, "ditos ciclos formativos son, en moitos casos, derivados da necesidade de profesionais en moitos ámbitos e localizacións próximas, cabe agardar que se poidan ir aumentando, chegando a moitas zonas do país, coma pode ser Lalín. Neste caso contamos cunha oferta que non contempla unha pata moi importante da nosa economía coma concello e coma comarca, por extensión, que é a da agricultura e gandería. É por todos e todas coñecido o potencial que temos en Lalín no sector primario, máis en concreto no eido da gandería de vacún en todas as súas formas, pero con especial énfase

na do sector leiteiro, sendo un importante piar neste senso a nivel de país. Con todo isto, cabe agardar que, se pretendemos que o sector teña continuidade e o relevo sexa real, unha das medidas a tomar é achegar a formación profesional neste eido a todos os lalinenses que desexen cursala, sen que teñan que desprazarse".


Por iso, o BNG considera que dotar á provincia de Pontevedra da oferta dun ciclo formativo superior en Gandería e asistencia en sanidade animal, situado na capital de Deza, sería unha medida con boa acollida por todas e todos aqueles mozos que ven na súa gandería familiar unha boa opción de futuro, investindo no rural e traballando contra a crise demográfica dende o propio ensino. "Acompañando a este ciclo superior antes nomeado poderíase engadir, ao coincidir no campo a desenvolver o ciclo de Produción agropecuaria, sendo unha oferta completa nun concello no que hai demanda, adaptando a ensinanza á oferta laboral da zona e evitando o desprazamento de todos e todas os que realizan esta formación profesional que, en moitos casos, a combinan co traballo realizado na propia explotación familiar, facilitándolles a conciliación das dúas actividades.


Publicidade

Polo anteriormente exposto, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para o debate en Pleno: “O Parlamento insta a Xunta de Galiza a:

1. Dotar a Lalín da oferta do Ciclo Superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal, cubrindo a demanda de toda a comarca.

2. Dotar a Lalín do Ciclo Medio de Produción Agropecuaria.

3. Dotar a Lalín do Ciclo Medio de Produción Agroecolóxica.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page