top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O BNG insta á Xunta a tomar medidas contra o vertido do río Asneiro e a depurar responsabilidades

Ecos da Comarca/Lalín

O Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa da deputada Montserrat Prado Cores e do deputado Luis Bará Torres, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presenta unha proposición non de lei para o seu debate na Comisión 2a, sobre as medidas a tomar para solucionar os vertidos ao río Asneiro procedente da depuradora de Botos (Lalín).


"A pasada semana detectouse un vertido no río Asneiro, era visíbel unha espesa capa de escuma branca apreciábel en todo o caudal do río. A escuma está a percorrer unha longa distancia e non só chegou ao río Deza, senón que augas abaixo chegou ao Ulla e á súa desembocadura na ría de Arousa", expón o grupo nacionalista. "Segundo a información publicada nos medios de comunicación a escuma ten a súa orixe na depuradora de Botos. Pasada unha semana desde a primeira voz de alarma sobre este vertido, o mesmo continúa e segue depositándose nas beiras do río, sen que se teña información das medidas tomadas".


O BNG considera necesario que se esclareza o sucedido, que se investigue a orixe, que ocasionou esta escuma, a repercusión sobre o conxunto do ecosistema do río, se depuren responsabilidades e que se informe sobre as medidas que se están tomando." "Este vertido vén a poñer en evidencia as deficiencias desta depuradora, que non responde ás necesidades das empresas instaladas neste polígono, máis alá do mal uso que se poida realizar".


Ante todo isto, recalca que "non se poden consentir a continuidade destes vertidos, o acontecido non é un caso illado, senón que son recorrentes e crónicos os que se producen ao Asneiro e que logo continúan polos ríos Deza, Ulla e chegan á ría de Arousa. É grave esta situación pola afectación ao conxunto dos ecosistemas e porque augas abaixo hai diversas captacións de auga para uso da poboación".


Por todo o exposto, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para debate na Comisión 2a:


“O Parlamento galego insta a Xunta de Galiza a:

  1. Tomar de inmediato todas as medidas precisas para rematar co vertido que se está producindo desde a depuradora de Botos ao río Asneiro e depurar responsabilidades sobre os responsábeis do mesmo.

  2. Realizar todas as actuacións precisas que a depuradora situada no polígono de Botos teña o dimensionamente e características precisas para rematar cos vertidos recorrentes desde a mesma.”

O Parlamento de Galicia.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page