O BNG insta á Xunta a asumir a xestión pública e directa da residencia e o centro de día de Dozón
- ecosdacomarca
- 7 mar
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Dozón
O BNG insta á Xunta de Galiza a asumir a xestión pública e directa da residencia e o centro de día de Dozón, "fortalecendo o sistema de coidados público e garantindo o dereito a unha vellez digna".

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa das deputadas Ariadna Fernández González e Olalla Rodil Fernández, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para debate na Comisión 5ª, relativa á xestión pública da residencia de maiores e do centro de día de Dozón.
"O concello de Dozón, situado na comarca de Deza-Tabeirós Terra de Montes, conta cunha poboación de 985 habitantes segundo os últimos datos do 2024 aportados polo INE, tratándose dun municipio en grave crise demográfica, que ten a metade da poboación que hai 20 anos, cando superaba os 2000 veciños e veciñas. O envellecemento poboacional é evidente, coma na maioría dos concellos en reto demográfico, tendo un 39,8% dos habitantes máis de 65 anos de idade, de xeito que a prestación de servizos destinados a esta franxa de idade son chave para as familias que
residen nestas áreas de descenso poboacional", explica o Bloque.
A través do anuncio do Consello da Xunta de Galiza deuse a coñecer na data do 24 de xuño do pasado ano a sinatura dos convenios de colaboración entre o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e 20 concellos galegos co obxectivo de financiar a construción, reforma ou ampliación de centros de día ou residencias de maiores de titularidade municipal, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGeneration nos exercicios do 2024 e 2025. Dentro dos concellos beneficiados polo Plan, atópase o de Dozón, ao que chegará unha contía de 1.500.000 euros repartidos en dúas anualidades ao 50% cada unha.
"A través da visita da conselleira de Política Social esta pasada semana á parcela de 5041 m2 onde se situarán as instalacións de algo máis de 2200 m2 construídos confirmouse que se ofertarán 58 prazas de residencia e 20 máis de centro de día. Co expediente do proxecto aprobado en novembro do 2024 en pleno da corporación municipal o goberno do Concello vén de licitar recentemente en 4 millóns de euros a obra e a xestión do complexo xeriátrico, nun contrato que estima un valor de 54 millóns de euros durante as catro décadas de vixencia deste, de xeito que a residencia de Dozón será xestionada por unha empresa de carácter privado, ao igual que o centro de día que se localizará nas mesmas instalacións", engade o BNG.
Por todo isto, o Grupo Parlamentar do BNG insta á Xunta de Galiza a asumir a xestión pública e directa da residencia e o centro de día de Dozón, "fortalecendo o sistema de coidados público e garantindo o dereito a unha vellez digna".
Comments