O BNG inicia unha xeira de xuntanzas coa veciñanza nas parroquias de Arzúa
- ecosdacomarca

- 22 oct 2025
- 1 min de lectura
Comezarán esta semana en Maroxo e Oíns co afán de coñecer de primeira man as preocupacións da veciñanza e trasladar as propostas da organización
Ecos da Comarca/Arzúa
O BNG de Arzúa inicia esta semana unha rolda de encontros abertos polas parroquias de Arzúa para dar a coñecer as súas propostas desde o goberno local e recoller de primeira man as preocupacións de todas as veciñas e veciños. Nestas xuntanzas participará o grupo municipal do BNG, co alcalde á cabeza, e estarán abertas a toda a veciñanza que desexe participar, nas que poderá formular aquelas cuestións de interese para o desenvolvemento das parroquias e o concello. Darán comezo mañá, xoves 23 ás 20 horas na parroquia de Maroxo, seguida doutra xuntanza o domingo 26 ás 13 horas en Oíns, e desenvolveranse en cada unha das 22 parroquias.

Publicidade
“Unha das nosas promesas durante a campaña electoral foi mellorar o diálogo entre o concello e a xente de Arzúa, polo que nos parece fundamental desenvolver estes encontros”, salienta Xurxo Gómez, responsábel local da organización. “Queremos coñecer as preocupacións e prioridades que existen a día de hoxe no concello, e tamén trasladar os proxectos que temos en marcha para melloralo”.
Publicidade
Desde a organización salientan a importancia da participación veciñal para o bo funcionamento das institucións, “cuestión que se fai máis necesaria aínda nos concellos por ser a Administración máis próxima”, apunta Gómez. “Queremos un concello vivo e participativo, e estas xuntanzas son unha canle máis para mellorar ese dinamismo”, concluíu.








Comentarios