O BNG exixe un proxecto integral para revitalizar “con urxencia” o rural despoboado de Lalín
- ecosdacomarca

- 5 feb
- 3 min de lectura
Mari Fernández alerta de que nun 13% das aldeas lalinenses viven 5 persoas ou menos
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín considera que á vista dos datos do último Nomenclátor do Instituto Nacional de Estatística (INE) relativos ao ano 2025 neste concello “urxe” o deseño e a posta en marcha dun “ambicioso proxecto integral” desde o Concello para “revitalizar” as aldeas do rural que están a quedar abandonadas. A responsable local, Mari Fernández Sanmartín, alerta de que 45 das aledas ou núcleos do concello teñen 5 ou menos habitantes, segundo os últimos dato do INE, o que sitúa o problema do despoboamento no 13% das aldeas do concello.

O BNG de Lalín, á vista do último Nomenclátor do INE, pon o foco nas seis aldeas abandonadas en Lalín -Vilela, Agrazán, Corbillón, Mouriscade, Piñoi e Chedas- e advirte da “urxencia” por parte do Concello, de “poñer en marcha políticas integrais e de revitalización” diante das 39 aldeas e núcleos do municipio que segundo os últimos datos do INE teñen 5 ou menos habitantes e que están “en serio risco de despoboamento e de pasar a formar parte das aldeas abandonadas”, advirte Fernández Sanmartín.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

“Estes datos non son ningunha broma, e un goberno responsable debería tomar medidas máxime tendo en conta que os últimos datos de poboación do IGE colocan ao concello a
piques de perder a condición de municipio de máis de 20.000 habitantes e o que iso supón”, destaca a responsable local do BNG. Á vista dos datos do INE, hai aldeas como Alfonsín, Casas Vellas, San Martiño, Navallo, Castiñeira ou Cabana con só 1 habitante.
Reibó, Bendoiro, Barreira, Penelas ou Alle figuran no Nomenclátor con 2 habitantes; e
Nogueiras, Caxide, Souto ou Hermida teñen 3 veciños no núcleo.
Fernández Sanmartín critica que “mentres esta sangría demográfica avanza, en Lalín temos un goberno do PP que dedica a meirande parte dos recursos económicos da veciñanza a obras faraónicas e améndoas que demostran que temos un goberno local sen
o máis mínimo sentido de concello e sen modelo de presente e futuro”. Sinala que mentres as cifras oficiais alertan dun “problema demográfico no noso concello", o BNG de Lalín critica que “o goberno do PP volve mirar cara outro lado, e pon como única solución a unificación de parroquias nunha sorte de rede clientelar da que tirar cada catro anos nas eleccións municipais”. Fernández Sanmartín recrimínalle ao PP de Lalín que “a súa irresponsabilidade e falta de solucións vai facer que cando vaian pedir o voto xa non quede ninguén nas aldeas”.
Publicidade
Pacto polo rural e programa integral urxente
O BNG de Lalín xa ofreceu no ano 2023 durante a campaña electoral das municipais e
nos meses posteriores un “pacto polo rural” que atenda en igualdade de condicións á
metade da poboación do noso concello. “Ouvidos xordos por parte do goberno do PP”,
critica Fernández Sanmartín, “e daqueles polvos, estes lodos, as cifras estatísticas que
volven dar a razón ao BNG”.
Publicidade
"Nun contexto no que o acceso á vivenda e os seus prezos están a ter “efectos
catastróficos no noso concello", o BNG de Lalín considera “irresponsable” un goberno
local “disposto a mirar cara outro lado mentres se pechan aldeas, sen ideas, sen
políticas, sen escoitar á xente”, lamenta Fernández Sanmartín. A responsable local do
BNG exixe “que remate esta deriva e abandono que está a sufrir o noso concello” e
tende a man para elaborar un estudo polo miúdo da situación actual e deseñar “políticas
e estratexias para atallar a deriva suicida na que nos ten metido o goberno local do PP”.
Destaca Fernández Sanmartín que “as políticas para a xente fan concellos prósperos,
con futuro e con xente”, mentres que “as políticas das paparotas e o cemento provocan
sangrías económicas e demográficas como a que está padecendo Lalín”. Desde o BNG
lalinense instan ao goberno municipal a “tomar conciencia da situación na que estamos,
dos problemas que temos sobre a mesa e dos retos de futuro aos que non chegamos”.








Comentarios