O BNG esixe á Xunta concreción sobre o futuro do cámping de Medelo en Silleda
- ecosdacomarca
- 30 abr
- 3 Min. de lectura
A deputada de Deza, Ariadna Fernández, considera un mal uso dos recursos públicos “enterrar un millón e medio de euros entre as silvas”
Ecos da Comarca/Silleda
A deputada do BNG, Ariadna Fernández reclamou na comisión 6ª, de , Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, concreción por parte do Goberno do PP na Xunta sobre o futuro do cámping de Medelo, en Silleda e sobre os prazos para a realización da conservación e limpeza do espazo, que na actualidade se encontra nun estado de total abandono.

Fernández acusou o Goberno de Rueda de ter “tirados entre as silvas” case un millón e medio de euros públicos sen que os responsables —a Xunta, ao ser a titular das instalacións— “tomen dunha vez a iniciativa” e lle dean unha solución, ben sexa mediante a súa rehabilitación ou coa súa declaración de estado ruinoso e posterior derrubamento.
Recriminou así mesmo que, despois de 12 anos de reunións “non haxa conclusión ningunha” e que “saian na prensa coma se nada pasase para dicir desde a Sociedade de Xestión do Xacobeo —dependente do Goberno galego— que están programadas “proximamente” actuacións de mantemento e limpeza do complexo. “Que significa para o PP proximamente”, preguntou, para advertir a continuación que o espazo leva abandonado desde o ano 2013, “sen visos de cambiar o seu destino” por parte da Administración galega.
Lembrou que, desde que o 2015 o daquela alcalde de Silleda anunciase tomar medidas con integrantes da Sociedade de Xestión do Xacobeo, non se soubo máis nada do intento de que a xestión pasase ao propio concello para poder facer un estudo e darlle usos ás instalacións. Posteriormente, en 2020 e 2021 volveu haber reunións por parte de ambas administracións, “sen saberse nada sobre as conclusións deses encontros”, subliñou.
Este abandono leva, segundo a deputada do Deza, a que as instalacións sexan vítimas de roubos, actos vandálicos e das propias inclemencias climáticas, sendo un perigo para a poboación ao ser moi doado o acceso ao seu interior, onde hai cristais rotos, barandas que abanean ou restos de que se fixo lume. No exterior, “a piscina está chea de auga de choiva e sen ningún tipo de barreira protectora”, engadiu.
Publicidade
Ademais de medidas que eviten que “haxa que lamentar algún accidente”, a deputada nacionalista cre preciso tomar as accións necesarias para obter algún tipo de rendibilidade coas instalacións construídas cos cartos dos galegos e das galegas.
Ariadna Fernández lamenta que o caso de Medelo volva agora saír nos medios a raíz do sucedido co albergue de Bandeira, onde a Xunta, “unha vez máis” a través do Xacobeo, fixo unha xestión que “deixa bastante que desexar” e que posiblemente remate no desafiuzamento destas instalacións, engadiu.
Publicidade
A deputada, na súa exposición, valorou a gran riqueza da comarca de Deza-Tabeirós e Terra de Montes e que precisa “moita atención” por parte do Goberno galego —Mosteiro de Carboeiro,en Silleda, a Tulla de Fafián en Rodeiro, a Ponte dos cabalos en Agolada, a Torre de Guimarei da Estrada ou a ameaza que supoñen os eólicos ao hábitat dos cabalos protagonistas da rapa das Bestas— “Todo iso require de interese e de investimentos para recuperar ou conservar todo aquilo polo que somos diferentes e todo o que temos moi descoidado na actualidade”, rematou.
Comments