Demanda o tratamento e a depuración das augas residuais en todos os núcleos de poboación
Ecos da Comarca/Dozón
O BNG en Dozón propón ao concello un plan integral na defensa da salubridade pública. "Na actualidade a Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 23 de outubro de 2000 establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas e o capítulo III do título II da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, establece as competencias das entidades locais. Entre todas elas, cabe destacar as competencias en materia de medio rural (alumeado público, xestión de residuos sólidos, vías de comunicación, etc.), así como o abastecemento de auga potable no domicilio e a evacuación e tratamento de augas residuais", explica.
Ademais, indica que na vixente Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galiza no artigo 27º recóllese as seguintes competencias:
- É competencia das entidades locais, de acordo co que se establece na lexislación de réxime local, a subministración de auga potable, a rede de sumidoiros e o tratamento das augas residuais.
- En particular, correspóndenlles ás entidades locais as seguintes funcións: o A elaboración e a aprobación dos proxectos de obras e a execución das infraestruturas correspondentes cando se trate de obras da súa competencia ou cando se actúe por delegación da Administración da Comunidade Autónoma. o A explotación dos servizos da súa competencia.

o En materia de distribución e de rede de sumidoiros:
▪ c.1. A planificación, que se levará a cabo a través dos instrumentos de ordenación urbanística axeitados segundo a lexislación urbanística aplicable e no marco da lexislación e da planificación autonómica aplicable nesta materia.
▪ c.2. O proxecto, a construción, a explotación e o mantemento das redes de distribución e de sumidoiros.
▪ c.3. O control das verteduras ás redes de sumidoiros no marco do que ordene a normativa de aplicación ao respecto.
- As entidades locais poderán realizar a explotación dos servizos da súa competencia por si mesmas ou en unión doutras entidades locais dentro das posibilidades que prevé a lexislación aplicable de réxime local.
- As entidades locais poderán delegar o exercicio das súas competencias en Augas de Galicia mediante os instrumentos xurídicos previstos na normativa vixente. - As deputacións provinciais, consonte o establecido na lexislación de réxime local, prestaranlles axuda ás entidades locais para a mellor execución das súas competencias. - Excepcionalmente, cando nos prazos e nas condicións establecidas na lexislación básica de réxime local se aprecie a imposibilidade por parte da entidade local do axeitado exercicio das súas competencias, a Administración hidráulica da Comunidade Autónoma poderá realizar por si mesma as actuacións que considere precisas de conformidade co artigo 33º.2 desta lei.
Publicidade
"En Dozón, tal como se detalla nos documentos de diagnose expostos na 1º Fase do Novo plan de Saneamento de Galiza, o grao de cumprimento e implicación destas competencias é ridículo. O goberno do PP, no noso municipio, non ten nin proxecto nin vontade política manifesta para facer realidade unha necesidade prioritaria a toda a veciñanza", subliña o BNG.
"Dotar en cada un dos núcleos de poboación dun sistema de saneamento e o tratamento das augas é fundamental para a calidade de vida no rural. Xa non só é un problema ambiental se non de saúde pública. Permitir unha seguridade e protección ante infeccións e problemas de exposición a patóxenos ou virus que poidan traducirse en enfermidades á poboación é unha acción urxente", engade.
Polo tanto, o Bloque insiste en que debe levarse a cabo unha ordenanza que indique o destino do vertido das augas residuais e a súa posíbel afección sobre a calidade das augas do medio receptor. Integrando a depuración en cada unhas das infraestruturas de rede de sumidoiros determinando a incidencia no réxime de correntes, preservando as
zonas de servidume e xustificando as delimitacións, considerando a posibilidade de ampararse en cálculos hidráulicos respecto do risco de asolagamento.
"O obxectivo é lograr a calidade e saúde ambiental cuns sistemas de saneamento eficaces e integrais no tratamento dos vertidos das augas residuais en cada un dos lugares de Dozón. Lembrando a prohibición de toda vertedura directa ou indirecta fóra da rede de saneamento construída. A calidade da auga debe estar garantida no seu ciclo hídrico, en todas as súas fases e procesos. Compre identificar e caracterizar as masas de auga superficiais e subterráneas, así como as zonas protexidas definidas polo organismo de bacía correspondente. Tamén estudar a capacidade e calidade dos recursos hídricos para abastecemento e saneamento. Coñecer as afeccións existentes sobre as fases do
ciclo hídrico derivadas do desenvolvemento das infraestruturas (modificación da rede superficial, alteración da calidade das augas superficiais e/ou subterráneas, etc.) e favorecer a permeabilidade das zonas lameiras de xeito que se axilice a dinámica propia do ciclo hídrico".
"Deseñar un sistema de depuración con suficiente dimensión para as augas residuais acorde ás características das mesmas e á súa orixe (residencial, agropecuario, industrial, etc.) é prioritario en cada un dos núcleos de poboación de Dozón", subliña o partido nacionalista. Urxe, apunta, "identificar e establecer as zonas que deben contar cun sistemas de saneamento individual se a rede municipal proxectada non é viábel. Elaborar, executar e xestionar proxectos de obras, tanto das redes de saneamento como das estacións depuradoras de augas residuais (EDARs) non se pode demorar máis. De xeito inmediato debe implantarse un servizo municipal temporal de baleirado de pozos e fosas
sépticas naquelas vivendas que non estean cubertas polas redes de sumidoiros, tendendo a un obxectivo do saneamento integral por medio de sistemas eficaces."
Sobre o consumo da auga sinala que debe garantirse a viabilidade dos sistemas de abastecemento e saneamento en función das demandas estimadas. Estudar tamén a cobertura da rede municipal de abastecemento e saneamento a construír (localización dos sistemas de captación e vertido para o abastecemento e o saneamento) e considerar a dispoñibilidade do recurso segundo as unidades de bacía establecendo determinacións para reducir os riscos de contaminación das fontes de abastecemento é outros mananciais de auga potábel.
Por todo isto o BNG en Dozón propón ao Concello de Dozón:
Unha Ordenanza de Tratamento e Saneamento de Augas para o Concello de Dozón.
Planificar, con carácter urxente, un proxecto de obras integrais do saneamento en cada un dos lugares de Dozón cos seus correspondentes sistemas de tratamento e depuración adecuados.
Xerar unha vía de consultas e achegas de colaboración directa coa cidadanía.
Fixar un Plan de actuacións plurianual con investimentos previstos, establecendo un calendario de prioridades e prazos de execución.
Implantar un servizo temporal de baleirado de pozos e fosas sépticas a petición do titular.
Comments