Os nacionalistas cualifican "de inaceptable votar en contra das mocións do BNG para implantar o transporte público e vender agora fume" // Forno celebra que “unha vez máis o PP nos acabe dando a razón e faga súas as nosas propostas”
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG e o PSOE de Lalín critican a postura do goberno local na que indica que evaluará a opción de implantar transporte público para que os veciños se poidan trasladar ao CIS. Ambos partidos da oposición recalcan que eles propuxeron esta acción e que foi rexeitada polo PP.
Os problemas que derivan da apertura do novo CIS eran, segundo o portavoz
nacionalista, Paco Vilariño, “eran de agardar cando non tes un aparcadoiro en condicións
para dar servizo ao persoal sanitario e aos veciños e veciñas que se achegan para facer
uso do centro sanitario, entre outras eivas que xa recalcamos antes, durante e que
seguiremos facendo despois da súa apertura”.
Os nacionalistas volven reiterar que non se achegaron á inauguración sabedores de que
“tan só cambiamos de localización, para un sitio máis lonxe e onde o aparcadoiro non é
abondo, os servizos son os mesmos, a diálise non se trasladará alí e tampouco temos base para o helicóptero, de xeito que seguiremos demandando, coma sempre fixemos
dende o Bloque que a sanidade pública sexa de calidade”.
Dende o BNG lembran que en setembro do ano pasado presentaron unha moción no concello para implantar un servizo de transporte público que dera cobertura ao rural e ao casco urbano, para que a mobilidade da veciñanza de Lalín se vise mellorada. O portavoz recorda, “para que todos os veciños e veciñas o saiban, esa moción do BNG relativa ao transporte foi rexeitada polo goberno, votaron en contra de mellorar a calidade de vida dos lalinenses, sen ruborizarse o PP dixo non á proposta”. É por iso que os nacionalistas toman as declaracións do alcalde ao respecto do transporte periférico coma unha burla, pola que preguntarán no próximo pleno de Lalín, anticipando que mellorar as comunicacións para a vila, tanto no casco urbano coma no rural, sería unha grande vantaxe para moitos usuarios e usuarias, que disporían de medios gratuítos para
desprazarse de xeito autónomo, máis especialmente no caso dos nosos maiores e
crianzas, sen depender de veciños ou familiares para facelo, ou de transporte de pago,
coma se leva facendo ata agora".
Insisten en que non deixarán de solicitalo, convencidos "de que o que PP vende dende o goberno é fume que quedará no esquecemento, usándoo como simple propaganda, xa nos últimos plenos dende o BNG solicitamos esta medida mentres o goberno facía caso omiso".
Pola súa banda, a voceira municipal dos socialistas de Lalín e secretaria xeral local, Alba Forno, lembrou onte que o Grupo Municipal levou o pasado mes de agosto ao Pleno a proposta para impulsar un sistema de transporte público colectivo que conectase o casco urbano co novo CIS e con outros puntos da vila, “atopándonos co rexeitamento frontal do goberno do PP a esta medida”. “Poucas semanas despois do seu voto en contra e,ante a necesidade evidente que teñen os veciños e veciñas, especialmente as persoas maiores, de desprazarse ao novo centro de saúde, adoptan a nosa proposta”, explicou.
Forno acusou a Crespo de manter “unha preocupante falta de visión ante as necesidades dos cidadáns” e sinalou que “era máis que evidente que se ían producir dificultades para desprazarse a unha infraestrutura sanitaria que está moi lonxe do centro”. “Nós anticipámonos e propuxemos unha solución razoada e factible que o PP chegou a cualificar de utopía, pero que agora acolle e pretende facer súa”, engadiu. Así, asegurou que “este sistema de transporte público debería estar xa en funcionamento desde a posta en marcha do novo centro sanitario”, considerando que “se non é así é pola irresponsabilidade e manifesta incapacidade do goberno do PP”.
Publicidade
Sinalou tamén que a rectificación do alcalde sobre o sistema público de transporte que agora anuncia deixa en ridículo ao concelleiro de Mobilidade, Pablo Areán, quen a rexeitou no debate plenario deixando para a historia un disparatado alegato contra os beneficios do transporte público”. “Se eu estivese no seu lugar valoraría entregar a miña acta”, indicou Forno.
Para a voceira socialista “o tempo vólvenos dar a razón coas propostas construtivas para Lalín que sempre levamos ao Pleno, fronte un PP que as rexeita sistematicamente e por puro sectarismo”. Nesta liña, recordou que “Crespo chegou a cualificar de ridícula a nosa proposta para solicitar a cesión ao Concello do vello ambulatorio unha vez sen uso e,meses despois, anunciou xestións e tivo a desfachatez de presentar no Pleno un copia e pega da nosa mesma moción”.
Por último, Alba Forno reclamoulle ao goberno local “máis altura de miras a prol dos lalinenses e menos partidismo”, instando ao alcalde a “valorar as iniciativas e proxectos en función do bos que sexan para mellorar a vida da xente e non en función da cor política que os asine”.
Comentarios