O BNG e o PSOE critican os orzamentos de 2026 do Concello de Lalín
- ecosdacomarca

- 19 dic 2025
- 6 min de lectura
➡️O Bloque cualificáos como “os do engano e o endebedamento”
➡️Os socialistas falan duns orzamentos "de asfalto e propaganda que deixan sen resposta a vivenda e as políticas sociais"
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG e o PSOE de Lalín critican os orzamentos de 2026 do Concello de Lalín. Ambos fixeron onte unha valoración. Para o Bloque son "os do engano e o endebedamento” e para os socialistas de "asfalto e propaganda que deixan sen resposta a vivenda e as políticas sociais"-
Así o BNG de Lalín vén de analizar polo miúdo os orzamentos que o goberno do PP quere aprobar no pleno o vindeiro 23 de decembro, uns orzamentos que os populares lalinenses cualifican como históricos cando en realidade, considera o Bloque, son “os orzamentos do engano”, afirma o voceiro municipal Paco Vilariño. Na realidade, o BNG lalinense denuncia que as contas de Crespo son “as mesmas que as do ano pasado e as que leva en todo o mandato”, xa que o incremento de 13 millóns de euros que o PP cualifica de histórico “o único que ten de histórico é que o PP mete nas contas por primeira vez e para enganar partidas que antes non metía”.
Os nacionalistas acusan ao goberno do PP de “tentar engordar ficticiamente as cifras orzamentarias” incluíndo nelas os plans da Deputación de Pontevedra ou os fondos europeos que Lalín recibe igual que calquera concello de máis de 20.000 habitantes.
A maiores, Vilariño cualifica como “o colmo da cara dura” que o PP no Concello de Lalín inclúa nas contas do vindeiro ano máis de 4 millóns de euros dun crédito que vai pedir “para endebedar aínda máis ás veciñas e veciños de Lalín”. Para o BNG estas contas feitas polo goberno de Crespo só evidencian “unha falta de xestión absoluta”.

Vilariño critica o “exercicio de cinismo” dun goberno municipal que recorre “ao engano e á forte carga impositiva á que ten sometidos aos lalinenses para colgarse unha medalla falsa e vender como histórico un orzamento que en realidade é unha nova estafa”.
Destaca o BNG do proxecto de orzamentos presentado polo goberno do PP de Lalín o “incremento escandaloso da presión impositiva ao que ten sometido nos últimos anos
ás veciñas e veciños de Lalín, con claros exemplos como a suba do 25% do IBI ou a recuperación de tributos como o ICIO e as plusvalías". Destaca o BNG de Lalín coas
contas de Crespo na man, que no 2026 o goberno do PP “vai aumentar un 433% o recadado con estas plusvalías” entre a veciñanza.
Ademais denuncian os nacionalistas que no 2026 Lalín “vai a ter un goberno carísimo”, cunha cuantía de máis de 700.000 euros destinada ao gasto deste goberno “iso si que
será histórico, o goberno máis caro da nosa historia concretamente”, destacou Vilariño.
E todo este “despilfarro”, criticou o voceiro nacionalista “para facer electoralismo e
vendernos medidas que non existen anunciando endebedamento e proxectos logo de 3
anos sen facer nada”.
Orzamentos “antisociais” que non atenden os problemas da xente
Da análise dos orzamentos do goberno de Crespo para o vindeiro ano, o que tamén
queda claro, segundo os nacionalistas, é que son uns orzamentos “antisociais”, unhas contas nas que as partidas que experimentan menos incremento son precisamente “as destinadas aos servizos sociais e a mellorar o benestar e a calidade de vida da veciñanza”. Paco Vilariño critica neste senso o “escaso interese” do goberno do PP por investir en “servizos sociais, seguridade cidadá ou axudas aos clubes e ao deporte base”, unhas partidas que son “ridiculizadas” nas contas para 2026.
E todo isto nun orzamento que ten unha “débeda récord” de 11.900.000 euros, “a maior da nosa historia”, destaca Vilariño. O BNG cualifica de “irresponsable e desastrosa” a xestión de Crespo no Concello de Lalín, que “nos vai a levar a bater un novo récord en amortización de capital e intereses da débeda”. Destacou Vilariño que Lalín, grazas á xestión do PP, vai a pasar a pagar 500.000 euros anuais en intereses pola débeda o que
supón que “o regalo de Nadal do Concello de Lalín a cada veciña e veciño é que debe
586 euros pola súa nefasta xestión”.
Fronte a isto, o BNG de Lalín sabe que “outra forma de xestionar e gobernar é posible”, por iso demanda ao goberno municipal do PP un “cambio de rumbo inmediato”, tamén
en política orzamentaria, para elaborar unhas contas públicas que afronten con medidas
e partidas orzamentarias concretas os problemas reais das veciñas e os veciños de
Lalín”. Vilariño convida ao goberno de Crespo a “mirar pola veciñanza en cuestións
fundamentais como a vivenda, a seguridade, rural, sanidade, servizos sociais e deporte”,
e insta ao PP a “usar os cartos dos lalinenses en políticas que melloren a vida da xente,
non nas obras faraónicas”.
Publicidade
Pola súa banda, a secretaria xeral e voceira municipal do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, denuncia que os orzamentos municipais para 2026 “venden un gran incremento de cifras, pero non resolven os grandes problemas da xente como a vivenda, a convivencia social e as políticas sociais de integración”. Forno advertiu de que o orzamento medra “grazas a partidas extraordinarias chegadas, principalmente, do programa EDIL do Goberno de España”, pero subliñou que “ese incremento non se traduce nun reforzo real de dereitos sociais nin de servizos públicos básicos”.
A voceira socialista cualificou as contas como “cíclicas, pouco valentes e socialmente insuficientes”, asegurando que responden “a unha estratexia clásica do PP na segunda metade do mandato con obra pública e actuacións visibles”, pero sen un proxecto nin
unha planificación a medio e longo prazo. “Non estamos ante un orzamento transformador, senón ante un orzamento cíclico, ligado ao calendario electoral”, afirmou, lembrando que “o de 2022 foi o máis alto da historia con 29,9 millóns e agora volve repetirse o patrón cun novo récord en 2026”.
Forno subliñou que a vivenda segue completamente ausente do orzamento municipal, malia ser “un dos principais problemas do Lalín actual”. O programa específico de “Administración xeral de vivenda e urbanismo” só contempla gastos en persoal e non deixa
marxe para políticas como a promoción de vivenda pública, adquisición de solo, a
rehabilitación con fins sociais ou mobilización de vivenda baleira. Isto evidencia que o PP non concibe a vivenda como un dereito nin como unha política pública estratéxica, senón
como un mero ámbito administrativo. “Nun contexto de encarecemento dos alugueiros,
dificultades de acceso á vivenda para a xente nova, esta ausencia de investimento resulta
especialmente grave”, sinalou Forno.
En paralelo, apunta, que se oberva tamén "unha clara insuficiencia nas políticas sociais e de integración nun concello cada vez máis diverso e cunha maior porcentaxe de poboación estranxeira. O groso do gasto social vai a persoal pero non hai investimento social transformador nun unha estratexia para combater desigualdades, apoiar colectivos vulnerables ou reforzar servizos comunitarios porque o PP entende os servizos sociais como gasto e non como investimento”.
Forno criticou tamén a política fiscal do PP que “mentres en Madrid predica baixar impostos, aquí o Concello sostén a súa recadación sobre os petos da veciñanza”. A este
respecto, destacou o peso do IBI, con arredor de 5 millóns de euros previstos, “un récord
para Lalín que demostra que se recada máis ca nunca pero non se traduce en máis
igualdade nin en máis oportunidades”.
No rural, Forno denuncia "a falta dunha visión integral", sinalando que, máis alá de proxectos en Donramiro e Vilatuxe contemplados no EDIL, os investimentos redúcense a
actuacións en centros sociais e a construción de depósitos de auga. “Se as necesidades do rural se resumen nestas partidas, o problema é evidente”, apuntou.
Publicidade
Puxo tamén o foco nas prioridades reais do gasto, sinalando que a subida destinada ao deporte base “segue sendo claramente insuficiente e debería, como mínimo, acadar os
100.000 euros”, mentres "as axudas aos colectivos sociais e deportivos continúan moi
limitadas e mesmo se producen reducións en entidades como a AED".
A secretaria xeral socialista critica ademais a ausencia de políticas estratéxicas para o comercio local, lembrando que non aparece por ningures o bono comercio aprobado polo
Pleno nin existe unha folla de ruta clara para dinamizar o tecido comercial de Lalín. Do mesmo xeito, denunciou a falta dun "proxecto cultural e turístico ambicioso e estruturado,
máis alá do Cocido e de eventos puntuais".
Forno subliña, por último, que se disparan as partidas destinadas aos órganos de goberno e aos soldos do executivo, "mentres se consignan máis de 20.000 euros en publicidade e propaganda".








Comentarios