O BNG denuncia que o ambulatorio de Lalín está de novo sen servizo de radioloxía
- ecosdacomarca
- 28 jun 2024
- 3 Min. de lectura
Paco Vilariño critica que Xunta e Concello "sigan a poñer en risco a saúde da veciñanza e empeorando a nosa sanidade"
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín denuncia un novo “despropósito” da Xunta de Galiza e o Sergas coa veciñanza. Segundo queixas recibidas pola veciñanza, o voceiro nacionalista, Paco Vilariño, vén de coñecer que "dende o pasado xoves o servizo de radioloxía do ambulatorio de Lalín está sen funcionar de novo pola avaría da máquina coa que se realizan as placas e radiografías neste centro sanitario. Diante deste novo problema sanitario na zona, nin o Concello nin o Sergas foron quen de poner solución alguna sobre a mesa, o que está a obrigar aos pacientes que precisan deste servizo a acudir á sanidade privada, agardar e adiar as súas citas até que volte a funcionar o servizo ou acudir por Urxencias ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago".

"Non podemos esquecer que hai exactamente un mes o BNG denunciaba a mesma situación, realidade que se amañou o día que saíu publicamente a nosa denuncia, mais agora, pasado menos dun mes volve a estar inoperativo de novo", lamenta o Bloque.
Vai alá case unha semana, critica Vilariño, “sen que o Concello reclame ao Sergas que amañe de inmediato este problema, se sen que o Sergas dea unha resposta urxente a
unha situación que empeora máis se cabe os servizos sanitarios precarios que ten Lalín”. Denuncia o BNG que o feito de que o ambulatorio leve outra vez case unha semana sen poder facer placas está a provocar ademais que nos casos máis graves (coma urxencias e caídas) a única ambulancia de Lalín “non pode pedir in situ unha placa para saber si hai ou non rotura” polo que ten que trasladar a Santiago a todos estes pacientes “deixando a Lalín e ás zonas do seu servizo sen servizo de ambulancia” cada vez que isto acontece.
Publicidade
O BNG de Lalín denuncia ademais que “o colmo do despropósito é que os martes un traumatólogo se despraza a Lalín para avaliar radiografías e pasar consulta, pero como leva case unha semana sin prestarse este servizo”, denuncia Vilariño, "hoxe todos os pacientes pendentes dunha radiografía terán que voltar a pedir cita para estas probas e outra nova cita de consulta, ou ben marchar directamente a Santiago, co perxuízo que iso supón en moitos casos para os usuarios dunha sanidade que en Lalín está chegando xa ao punto de ser inexistente. Pacientes estes que son os que foron citados de novo pola falta de serizo de hai un mes e que se volven atopar coa desoladora realidade dunha administración que é un desastre en xestión".
Vilariño critica así mesmo “o pasotismo e a deixadez tanto do Concello de Lalín coma da
Xunta da Galiza, que xa non só non son quen de cubrir demandas e promesas electorais coma a ambulancia medicalizada, o servizo de pediatría polas tardes ou mesmo abrir o CIS que vai camiño dos 4 anos de retraso”. Agora a maiores, segundo denuncia o BNG de Lalín, "un servizo tan importante coma o de Radioloxía, que atende aos preto de 40.000 habitantes dos concellos de toda a Comarca de Deza está a afectar gravemente, xa que a demanda que tiña cando o servizo estaba operativo era tal que se prestaba de 9 da mañá a 9 da noite, cunha media superior a 50 paciente diarios".
Publicidade
Diante das denuncias por parte dos afectados, recollidas de novo polo BNG de Lalín, Vilariño insta ao alcalde do municipio, José Crespo, “a exercer coma tal e tomar cartas no asunto dunha vez". Paco Vilariño considera “inadmisible” que a veciñanza fique indefensa como mínimo durante unha semana de novo sen un servizo sanitario básico “sen que alcalde e Sergas se inmuten”.
댓글