O BNG denuncia "o veto do PP" para lograr o arranxo da ponte da estrada de Maroxo en Arzúa
- ecosdacomarca

- 18 dic 2025
- 2 min de lectura
Salientan a incoherencia do Partido Popular que vota en contra no Parlamento galego despois de terse pronunciado a favor no pleno municipal
Ecos da Comarca/Arzúa
Unha vez concluído o trámite parlamentario do proxecto de Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2026, o BNG denuncia o voto en contra do Partido Popular a todas as emendas formuladas pola formación nacionalista “nun exercicio claro de absolutismo e falta de diálogo”, salienta Iria Carreira, deputada no Parlamento galego.

Nomeadamente, desde o BNG lamentan o voto en contra da emenda que buscaba introducir unha partida específica para a reconstrución da ponte caída sobre o río Iso na estrada a Maroxo. Un voto en contra que se produce só uns días despois de que o mesmo Partido Popular votase a favor da moción defendida polo BNG no pleno municipal deste mes de decembro onde se recollía a petición dunha dotación singularizada para esta infraestrutura.
Publicidade
Desde a formación nacionalista denuncian que esta “é unha mostra máis da incoherencia do Partido Popular e unha evidencia da falta de interese real por solucionar os problemas diarios da veciñanza arzuá”, apunta Lucía López, voceira municipal do BNG. Segundo salienta, “esta é unha infraestrutura importante para o noso rural, onde o concello fixo o seu traballo mais coa que cómpre que outras administracións colaboren economicamente”. Ademais, López remarca que “o señor Rivadulla terá que dar explicacións ante a veciñanza de Arzúa desta falta de coherencia do Partido Popular e de por que os seus compañeiros no Parlamento galego votaron en contra dun investimento tan necesario”.
Publicidade
Outras cuestións específicas de Arzúa que ficaron excluídas dos Orzamentos da Xunta de Galicia para o 2026 polo voto en contra do Partido Popular son investimentos singularizados para unha reforma integral do CEIP de Arzúa, a pesar de que tamén neste caso o PP de Arzúa tivera votado a favor desta cuestión no pleno municipal; para o incremento de chan industrial no municipio ou para a rehabilitación do complexo deportivo de Portodemouros.








Comentarios