top of page

O BNG denuncia "as contradicións e a falla de transparencia da Xunta" na parcelaria Val de Camba

Ariadna Fernández eleva ao Parlamento as dúbidas sobre o investimento comprometido e o atraso das actuacións nunha concentración parcelaria iniciada hai máis de 17 anos


Ecos da Comarca/Rodeiro

O BNG denuncia "as contradicións, os anuncios incumpridos e a falla de transparencia da Xunta de Galicia" en relación coa concentración parcelaria de Val de Camba, no concello de Rodeiro, "un proceso iniciado no ano 2008 que continúa sen estar rematado malia a súa importancia estratéxica para o futuro do sector agrogandeiro da zona".


A deputada do BNG no Parlamento galego, Ariadna Fernández, levará esta situación á Comisión de Agricultura para esixir explicacións ao Goberno galego sobre os continuos

atrasos e as evidentes discrepancias entre os anuncios realizados publicamente e a realidade dos procedementos administrativos coñecidos. A formación nacionalista

cuestiona especialmente a diferenza entre os anuncios realizados pola Xunta e a documentación posterior coñecida. "Mentres o Goberno galego comunicou no Consello da

Xunta do pasado 19 de xaneiro un investimento de 1,7 millóns de euros para estas

actuacións e asegurou que as obras comezarían durante o primeiro trimestre de 2026, a

información vinculada aos procedementos de contratación promovidos a través de

SEAGA sitúa a previsión económica arredor dos 737.000 euros e ven de anunciarse hai

unha semana escasa".

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O Bloque lembra que Rodeiro é o municipio con maior número de incorporacións de mozos e mozas á actividade agraria na comarca de Deza-Tabeirós-Terra de Montes, unha

realidade que fai imprescindible garantir unha Superficie Agraria Útil suficiente e ben

estruturada para asegurar a viabilidade das explotacións e favorecer o relevo xeracional.

Estado dos arranxos.
Estado dos arranxos.

"Porén, máis de 17 anos despois do inicio da concentración parcelaria de Val de Camba, que afecta ás parroquias de Camba, Río e Fafián, seguen sen executarse actuacións fundamentais para completar o proceso, especialmente as relacionadas coa mellora dos camiños e os accesos ás fincas resultantes". "Estamos diante dun novo exemplo da política de titulares da Xunta, que anuncia investimentos millonarios e prazos inmediatos pero que, cando se analizan os expedientes, non se corresponden coa realidade", sinala Ariadna Fernández.


O BNG considera que esta situación está a xerar preocupación e incerteza entre as persoas propietarias e titulares das explotacións afectadas, que continúan agardando por unhas actuacións comprometidas desde hai anos e das que non existe información clara nin sobre a súa dimensión real nin sobre os prazos definitivos de execución.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Por este motivo, a deputada nacionalista rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias para que a Xunta esclareza cal é o orzamento real previsto para as obras

pendentes, explique os motivos da diferenza entre os 1,7 millóns anunciados e os aproximadamente 737.000 euros consignados nos expedientes coñecidos, detalle a que

actuacións se destinarán os fondos e concrete o calendario de execución das obras

previstas para os exercicios 2026 e 2027.


Así mesmo, o BNG reclama garantías de que se executarán todas as actuacións necesarias para asegurar accesos adecuados ás parcelas resultantes da concentración parcelaria, unha demanda histórica das persoas afectadas e unha condición indispensable para que as explotacións poidan desenvolver a súa actividade en condicións de competitividade.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page