O BNG denuncia a vandalización fascista da estatua de Juan Vidal e as vítimas do franquismo en Arzúa
- ecosdacomarca

- 26 oct
- 2 Min. de lectura
Insta a “todas as forzas democráticas a condenalo”
Ecos da Comarca/Arzúa
O BNG denuncia a aparición de pintadas fascistas que se está a producir polas rúas do casco urbano cun claro obxectivo de “intimidar e meter medo a forzas políticas, após a aparición de diferentes pintadas sinalando ao BNG”, sinala Xurxo Gómez, responsábel local da organización. “A vandalización da estatua a Juan Vidal e ás vítimas do fascismo coa pintada Gobierno de rojos, época de piojos é unha agresión intolerábel e inxustificábel a todas as persoas que defendemos a democracia e cruza todas as liñas vermellas, polo que require unha condena por parte de todas as forzas políticas democráticas”, engadiu.

A organización denuncia tamén outras pintadas que foron realizadas durante as últimas semanas “nas que se sinala a determinadas forzas políticas, nomeadamente o BNG”, cunha intención claramente intimidatoria “lembrando os tempos nos que o fascismo operou para eliminar calquera alternativa política democrática”, denuncia Gómez. Sinala ademais que “non imos permitir que actuacións coma estas, claramente minoritarias e rexeitadas pola absoluta maioría da veciñanza arzuá sigan sucedendo”.
Publicidade
Asemade, sinala que “o BNG é unha forza antifascista e de combate contra a violencia e a intolerancia, polo que nin imos contribuír nunca ao branqueamento ou á normalización do fascismo, nin tampouco van poder calarnos”. Por iso, a organización nacionalista insta á condena destas pintadas por parte de toda a sociedade democrática, “incluíndo ao Partido Popular, a quen animamos a abandonar as súas posicións cada vez máis sumidas na extrema dereita”. “Non podemos esquecer os saúdos fascistas que se realizaban alegremente diante da súa sede arzuá na noite electoral, cuestión que non vimos que fose condenada nin rexeitada polo señor Rivadulla”, engade Gómez.
Publicidade
Fronte a isto, Gómez apunta que “desde o BNG imos seguir traballando para construír un concello do que toda a veciñanza se sinta orgullosa, no que se respecten os dereitos de todas as persoas e combata toda forma de violencia e discriminación”, conclúe.








Comentarios