Os nacionalistas apostan en Lalín “por conxugar formación e sectores productivos”
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín reclámalle ao Goberno municipal que realice as xestións precisas coa Xunta de Galicia para crear novas titulacións profesionais nos centros de ensinanza media e os ciclos formativos de grao medio e superior e o desenvolvemento en Lalín de cursos de formación conveniados con outras administracións, para por en marcha no vindeiro curso escolar, un programa de formación e emprego que inclúa ademais a creación de escolas obradoiro vencelladas aos sectores produtivos que actualmente son as potencialidades do emprego e a economía lalinense.
Segundo destaca o voceiro do BNG, Paco Vilariño, “precisamos un goberno que deixe por fin de darlle as costas á formación e o emprego, aproveitando os nosos recursos para facer medrar ao noso concello”. Vilariño explica que, “o desenvolvemento económico e a formación teñen que ir da man para acadar os mellores resultados” e por iso o BNG no seu último programa electoral tiña deseñado un catálogo de especialidades que as empresas e os sectores produtivos de Lalín “están a demandar para seguir medrando e aproveitar as nosas potencialidades en beneficio dos nosos veciños e veciñas”.

O BNG considera que “emprego e formación son o binomio imprescindible para o desenvolvemento económico, a calidade nos productos e servizos e a especialización
que Lalín precisa para un desenvolvemento económico de seu de cara ao futuro”. O novo abano de cursos de formación que o BNG demanda que se poñan en marcha en Lalín a partires do vindeiro calendario escolar, inclúe actividades formativas en sectores coma o agrogandeiro, a hostalería, a albanelería, o comercio ou o turismo, entre outros.
Paco Vilariño acredita na formación coma “a ferramenta que vai facer posible que Lalín despegue xerando un espazo propio de desenvolvemento económico, calidade de vida e
benestar para todos os veciños e veciñas”. Dende o BNG de Lalín critican que o PP no goberno local adicouse “unha vez máis a desatender esta demanda prioritaria no noso Concello”. Pola contra Vilariño destaca que “un goberno responsable ten que deseñar a
oferta formativa aos cidadáns atendendo ás súas potencialidades”.
Publicidade
Para o BNG é preciso que o PP de Lalín, máis aínda cando o responsable desta área na Xunta coas competencias para facelo realidade é Román Rodríguez, cambie a súa nefasta xestión e desidia, e se comprometa a ofrecer as ferramentas para que as nosas potencialidades e evidentes carencias, que están freando a creación de emprego e medre
e expansión de empresas locais, convirta a Lalín nun referente de calidade e profesionalidade”, asegura Paco Vilariño.
Por último, lembran os nacionalistas que a concelleira e deputada no Parlamento Galego, Ariadna Fernández, presentou no Parlamento unha iniciativa no mes de maio do pasado ano, na que solicitaba dotar a Lalín da oferta do ciclo superior de Gandería e asistencia en Sanidade Animal, así como ciclos medios de Producións Agropecuarias e Produción Agroecolóxica, propostas estas que significarían para a noso Concello unha boa opción de futuro, investindo no rural e traballando contra a crise demográfica.
Comments