Ademais pretende dotalo de fontes de auga e impulsar outros espazos de xogo para os menores
Ecos da Comarca/Arzúa

O candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa, Xoán Xesús Carril, defendeu este luns que o goberno municipal do BNG en Arzúa impulsará a cobertura do parque infantil da Feira, dotaráo de fontes de auga potábel e impulsará outros espazos de xogo porque “as nenas e nenos de Arzúa merecen xogar e poder facelo todo o ano, independentemente das condicións climáticas” explicou Carril.
“No BNG temos un proxecto de concello que non esquece ás crianzas, cunha perspectiva do espazo público que debe ser inclusiva, humanizada e amábel coas nenas e nenos, por iso impulsaremos máis espazos para o encontro e o lecer das e dos máis pequenos e as súas familias”.
O deporte desde a base: centro das políticas do BNG
Ademais, desde o BNG sinalan que “desde a Alcaldía de Arzúa impulsaremos a cobertura das pistas deportivas e resolveremos o problema que hai actualmente co acceso ás instalacións deportivas, o que está facendo que as nosas veciñas e veciños teñan que marchar practicar deporte a outros concellos”. “Desde o BNG defendemos o deporte de base en todas as disciplinas como un piar fundamental da nosa sociedade, por iso desde o goberno municipal melloraremos as instalacións deportivas, moi deterioradas e abandonadas nos últimos anos, e automatizaremos o acceso ás mesmas, facilitándoo e modernizándoo, como xa está a facerse noutros concellos referencia gobernados polo BNG,” concluíu.

Comments