"Con nós na Alcaldía poñeremos novas parcelas a disposición das empresas que queiran asentarse no noso concello", destaca Carril
Ecos da Comarca/Arzúa
O candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa, Xoán Xesús Carril, visitou este mércores o polígono industrial, acompañado doutros membros da candidatura, para explicar a proposta do BNG en relación co chan industrial.
Carril destacou “o nulo avance do polígono industrial na última década” e sinalou que “hai que dar un impulso grande ao polígono industrial de Arzúa”. “Co BNG na Alcaldía temos o firme compromiso de desenvolver o chan urbanizable que está previsto para o polígono, e que leva doce anos esquecido co actual goberno municipal”.
Así mesmo, recalca que "é imprescindible desenvolver o chan industrial para poder poñer novas parcelas a disposición de empresas que queiran asentarse en Arzúa. E, ademais, debe conectarse o polígono coa autovía para achegarlle máis valor ao parque empresarial arzuán”.
“Un goberno municipal ten que ter entre as súas prioridades o asentamento de industria e novas empresas no concello. Só así se pode asentar poboación e garantir postos de traballo. Co BNG na Alcaldía non descansaremos até facer isto realidade", concluíu o candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa.
Comments