O obxectivo é mellorar e fortalecer a posición competitiva do sector e frear a perda de tecido comercial froito da profunda crise que atravesa o comercio
Ecos da Comarca/Deza

A candidata lalinense do BNG ao Parlamento Galego Ariadna Fernández sinala que o comercio local galego viuse afectado nestes últimos anos polas crises económicas que minguaron o poder adquisitivo de galegos e galegas, así coma o avance do comercio electrónico ou a proliferación das grandes superficies. "A falla de políticas que apoien ao comercio local e todos estes factores fixeron que en Galiza pecharan nos últimos anos 1 de cada 4 comercios locais, coa merma económica que iso supón, tanto para as vilas coma para o país no seu conxunto".
No BNG defenden a posta en marcha dun Plan Integral de Promoción do Comercio de Proximidade co fin de mellorar e fortalecer a posición competitiva do sector e frear a perda de tecido comercial froito da profunda crise que atravesa o comercio.
Publicidade
Así mesmo, e co comercio da man, o BNG aposta por situar a Galicia ano lugar que lle corresponde, coma unha potencia alimentaria e gastronómica, tanto no mar coma na terra, botando man dese tecido de comercio de proximidade para levalo a cabo no caso dos nosos propios produtos. "Dende o BNG impulsarase a diversificación e a produción vexetal e agraria, tratando de non depender, na maior medida, do exterior, poñendo en valor e transformando o que xera o país, sen que se perda ou quede noutras mans o diñeiro que Galiza produce no sector primario, tan castigado durante anos coa falla de atención por parte das políticas da Xunta".
A creación de redes de comercialización será un eixo clave para os produtos agrarios de ciclo curto, fomentando con políticas públicas novas formas de comercialización, que ofrezan unha saída a todos os produtores e apostando pola posta en marcha dun programa de compra pública deste tipo de produtos locais, para xeneralizar o seu consumo na restauración colectiva (centros asistenciais, hospitais, colexios, comedores da administración, universidades…) , adoptando a estratexia da UE “Da Granxa e da horta á Mesa”. "A implantación do cheque de compra de alimentación (cesta básica de alimentación) para as familias de menores rendas, que inclúa produto local e ecolóxico, será outra das medidas que se poñerán en marcha a partires do 18 de febreiro e que terá tamén como obxectivo favorecer tanto a produtores coma a comerciantes", explica o Bloque.
Publicidade
"Comercio e produtores da man, co apoio do BNG, poden darlle un cambio necesario ao sistema que se ven impoñendo dende hai anos e que precisa de ser ordenado para que o que Galiza xera quede no país", conclúe.
Commentaires